Miranda informa ás entidades galegas do exterior sobre o programa de obradoiros que mantén aberta a súa convocatoria

O secretario xeral da Emigración recordou que se mantén a modalidade presencial e telemática.

O programa, que conta cun orzamento de 150.000 euros, sufragará os gastos do profesorado  e dos materiais.

O prazo de solicitude dos obradoiros estará aberto ata o 1 de xullo
O prazo de solicitude dos obradoiros estará aberto ata o 1 de xullo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, informou esta tarde ás diferentes entidades galegas do exterior, a través dunha reunión telemática, do novo programa de obradoiros destinado aos centros de España, Europa e América e que ten aberta a súa convocatoria dende comezos deste mes. No encontro participou tamén a subdirectora de Relacións coas Comunidades Galegas, Isabel Martínez Pellicer. 

As entidades interesadas poderán solicitar esta axuda para o desenvolvemento de actividades formativas ata o próximo 1 de xullo.

A finalidade deste programa é que as distintas asociacións e centros galegos do exterior poidan poñer en marcha obradoiros de folclore (baile, gaita, percusión, pandeireta e canto), artesanía (encaixe de palillos e confección de traxes tradicionais), cociña e cultura galega. 

Tal e como explicou o secretario xeral, mantense, como o ano pasado, a modalidade presencial destes obradoiros e a modalidade telemática a través da aula virtual. En ambos casos, os cursos serán impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.

En total, a Secretaría Xeral destina 150.000 euros para o desenvolvemento destas iniciativas, sendo así sufragada a administración, a contratación, o desprazamento e o aloxamento do profesorado, así como a compra de materiais de formación. Pola súa banda, as entidades encargaranse das instalacións onde se impartan os cursos.

As entidades poderán solicitar por orde de preferencia, a organización de ata 3 cursos, e propor unha ou un profesor para que o imparta, sempre que estea incluído nas listaxes de persoas formadoras na modalidade solicitada.

Para a realización de obradoiros de cociña ou de seminarios de cultura galega, as entidades deben contar con instalacións e equipamentos axeitados, e ter entre os seus obxectivos a promoción e difusión dos costumes e cultura de Galicia.

Máis información nesta ligazón.

371 lecturas