Miranda entrevístase en Madrid con Gómez de Olea para analizar a actualidade da diáspora en Iberomérica
O responsable autonómico de Emigración e o director xeral para Iberoamérica amosaron a súa mutua disposición a incrementar a colaboración entrambas administracións.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá unha nova xuntanza con Pablo Gómez de Olea Bustinza, director xeral para Iberoamérica da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, departamento responsable da execución, seguimento e avaliación da política exterior e de cooperación internacional, e da acción cultural exterior, de España na outra beira do Atlántico.
Trátase dun encontro que se enmarca dentro dos contactos regulares que manteñen os gobernos galego e central co obxectivo de aumentar a coordinación das actuacións de ambas administracións, en procura do mantemento e mellora das condicións de vida dos galegos e galegas e das e dos españois nos países do ámbito xeográfico de actuación da Dirección Xeral.
Ambas autoridades fixeron análise da realidade iberoamericana, centrando o seu foco de atención en tres puntos xeográficos. O primeiro, Arxentina e Uruguai, países nos que se concentra a maior parte da colectividade galega en América, sobre cuxa actualidade compartiron impresións e puntos de vista.
Venezuela
O segundo, Venezuela, república sobre a que tanto Rodríguez Miranda como Gómez de Olea salientaron a relevancia de prestar especial atención ao devir dos acontecementos sociais, polo que poidan repercutir no día a día da poboación galega e española residente naquel país. Miranda expuxo a Gómez de Olea que, para Galicia, Venezuela será un país no que se reforcen as actuacións no ámbito social tamén durante 2015, pola especiais circunstancias que está a vivir.
Cuba
Finalmente, o terceiro dos puntos xeográficos sobre os que versou o encontro foi Cuba. Rodríguez Miranda expuxo a Gómez de Olea que Galicia segue mantendo un alto nivel de relación institucional coas autoridades da illa, que se ten reforzado coa visita do Presidente Feijóo, e ao que se está a dar novo pulo, sendo o país ao que de dedica un maior esforzo desde o punto de vista económico-social.
O secretario xeral da Emigración compartiu co director xeral para Iberoamérica a intención do Goberno galego en adecuar estes novos folgos na relación bilateral á liña de actuación que o conxunto de España teña respecto á illa, co obxectivo de que os investimentos e alianzas estratéxicas establecidas polas e polos galegos e españois alí se vexan reforzadas e amparadas por un permanente e frutífero contacto institucional.
Novas relacionadas





