Miranda e Fernández-Tapias visitan FEVEGA en Vigo para comprobar a recollida de preto dunha tonelada e media de medicamentos para os galegos e galegas de Venezuela

Esta acción solidaria conta coa colaboración da Xunta de Galicia e complementa a acción directa de axuda da administración autonómica aos galegos e galegas que viven no país caribeño. 

O secretario xeral da Emigración, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo e o presidente de FEVEGA, na sede desta entidade cidade olívica
O secretario xeral da Emigración, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo e o presidente de FEVEGA, na sede desta entidade cidade olívica
Visita á sede de FEVEGA en Vigo
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 11 de outubro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou a Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA) para comprobar a recollida de preto dunha tonelada e media de medicamentos que serán destinados ás galegas e galegos que os necesiten en Venezuela.

Estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Federación, Manuel Pérez.

Esta asociación realiza, co apoio da Xunta de Galicia, unha campaña de recollida ao longo de todo o ano para axudar á poboación galega de Venezuela. Nesta iniciativa colaboran varias entidades que apoian a Fevega, como é a Asociación Socio Cultural Deportiva “Amigos de Venezuela en Vigo”, a Asociación de Venezolanos do Deza, a Asociación Ourensá Venezolana “Alma Llanera”, a Asociación Cultural de Venezolanos de Santiago (AVESANTI) e a Hermandad Venezolana das Rías Baixas. 

Unha vez que chegan os medicamentos ao país americano, o envío é distribuído pola Hermandad Gallega de Venezuela coa colaboración do Centro Gallego de Maracaibo, o de Puerto La Cruz e da Hermandad Gallega de Valencia. 

Ademais de medicamentos, o envío contou tamén con outros produtos de tipo sanitario moi demandados e de difícil acceso neste país como é o material ortopédico ou cueiros para persoas dependentes. 

A Federación Venezolana de Galicia é unha agrupación de asociacións sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico que naceu en 2009 co obxectivo de apoiar aos seus asociados e asociadas nos seus ámbitos de actuación e desenvolver accións de atención ás e aos emigrantes retornados no seu proceso de integración social, laboral e cultural en Galicia.

Tal e como destacou Rodríguez Miranda, o labor desta asociación é fundamental no apoio ás galegas e galegos retornados deste país americano, xunto co traballo que desenvolve a propia Secretaría Xeral da Emigración a través das oficinas de información ao Retorno, unha das que se atopa precisamente en Vigo, na Delegación Territorial da Xunta de Galicia. Por outra banda, a propia asociación conta cunha oficina itinerante que percorre os diferentes concellos de Galicia para ofrecer o seu apoio a este colectivo.

357 lecturas