Miranda avalía coa Hermandad Gallega e FEVEGA o reparto en Venezuela dos medicamentos da ultima campaña de recollida solidaria en Galicia
Os responsables de ambas entidades trasladáronlle ao secretario xeral da Emigración o inicio dunha nova campaña que como novidade busca conseguir medicamentos destinados a paliar os efectos da covid-19 nun país que está a sufrir de xeito moi importante o impacto da pandemia.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, avaliou, por videoconferencia, coa Hermandad Gallega de Venezuela e coa Federación Venezolana de Galicia (FEVEGA) o reparto en Venezuela dos medicamentos da última campaña da recollida solidaria realizada na comunidade galega.
Na reunión estiveron presentes José Antonio Alejandro González, presidente da Hermandad Gallega de Venezuela, e Manuel Pérez Vidal, presidente da Federación Venezolana de Galicia, entidade que, a través dos seus colaboradores e colaboradoras, levou a cabo nos últimos meses unha recollida de material sanitario con carácter de axuda humanitaria para Venezuela, un dos países que está a sufrir de xeito máis importante o impacto da pandemia pola falta de medicamentos e dos medios necesarios para atender á poboación.
O envío deste material realizouse a principios deste ano. En total, destináronse 29.160 caixas de medicamentos. Ademais de medicamentos, o envío tamén contou con outros produtos de tipo sanitario moi necesarios e de difícil acceso en Venezuela como é o material ortopédico, ou cueiros para persoas dependentes.
Nesta iniciativa, canalizada a través de FEVEGA, colaboraron varias entidades como son a Asociación Socio Cultural Deportiva “Amigos de Venezuela en Vigo”, a Asociación de Venezolanos do Deza, a Asociación Ourensana Venezolana “Alma Llanera”, a Asociación Socio Cultural de Venezolanos de Santiago (AVESANTI) e a Hermandad Venezolana das Rías Baixas. En Venezuela, o material sanitario e farmacéutico foi distribuído por todo o conxunto do país.
Por outra banda, tamén destacouse durante o encontro que xa se está a traballar nunha nova campaña de recollida de material sanitario na que se tratará de conseguir especialmente medicamentos dedicados a paliar os efectos da covid-19 que permitan mellorar a calidade de vida das e dos que están pasando a enfermidade ou xa a pasaron pero aínda están a padecer as súas consecuencias.
Novas relacionadas