Miranda destaca en Marín que o retorno a Galicia dinamiza os diferentes sectores económicos galegos como o da cultura e o do audiovisual

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, asistiron á inauguración do John Balan Fest, que se celebra dende hoxe e ata o próximo sábado na localidade pontevedresa e que ten como principal obxectivo conectar a creadoras e creadores locais con comunidades audiovisuais internacionais.

O director do festival é un galego retornado do Perú que contou cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración para poñer en marcha unha produtora.

Precisamente a liña de Axudas ao Retorno Emprendedor, que este ano pode chegar ata os 10.000 euros por persoa beneficiaria, continúa aberta ata o 29 de setembro.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, asistiron á inauguración do John Balan Fest
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, asistiron á inauguración do John Balan Fest
Listen to this page using ReadSpeaker
Marín (Pontevedra), 24 de agosto de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, participaron hoxe na inauguración do John Balan Fest, un festival que ten como obxectivo promocionar o cine independente de Galicia e conectar a creadoras e creadores locais con comunidades audiovisuais internacionais. O responsable do departamento autonómico asegurou que con este tipo de iniciativas demóstrase que o retorno dos galegos e galegas do exterior axuda a dinamizar os diferentes sectores económicos galegos, como o da cultura e o do audiovisual.

Este proxecto foi posto en marcha por Daniel Antelo de la Fuente, un galego retornado do Perú que puxo en marcha unha produtora en Marín grazas ás axudas ao Retorno Emprendedor que ofrece a Secretaría Xeral da Emigración. Precisamente, tal e como explicou o secretario xeral, “esta liña de axudas que vai dos 6.000 aos 10.000 euros, aínda está aberta, ata o próximo 29 de setembro, para aqueles galegos do exterior que estean a poñer en marcha un proxecto empresarial en Galicia”.

Miranda destacou o labor deste emprendedor “que regresou e non só puxo en marcha un negocio propio senón que está a traballar para potenciar o sector audiovisual galego e mesmo para promocionar a súa vila nos circuítos dos festivais audiovisuais de Europa”. De feito, neste festival participan expertos e expertas do ámbito do cine como son o produtor francés Jöel Bassaget e a codirectora de series arxentina Ludmila Wagnest, e proxectaranse diversos filmes galegos ao longo destes días, concluíndo o festival coa entrega dos premios oficiais aos que optan 48 películas. 

As Axudas para o Retorno Emprendedor parten dos 6.000 euros  (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 3.000 se se pon en marcha nun concello rural), podendo chegar así ata un total de 10.000 euros.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma dos galegos e galegas residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

Trátase dunha das máis de 100 medidas activas da nova Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia. 

A convocatoria está aberta ata o 29 de setembro. Máis información nesta ligazón.

287 lecturas