Miranda: “As axudas ao retorno medran en 2025 en Uruguai, reflexo do compromiso da Xunta coas familias galegas do país”
As axudas ao retorno en Uruguai acadan en 2025 as súas cifras máis altas, superando os 540.000 euros entre axudas extraordinarias aos retornados, emprendedores e estudantes BEME. En total, o que se destina ao país en termos de atención ás persoas galegas no Uruguai supera o millón de euros.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, fixo balance en Montevideo das políticas de apoio ao retorno aplicadas pola Xunta de Galicia, subliñando o notable incremento das axudas concedidas ás familias galegas procedentes de Uruguai durante o ano 2025. Salientou que as axudas extraordinarias ao retorno chegaron xa a 63 beneficiarios, cun investimento total de 168.050 euros, a cifra máis alta desde 2018.
Ademais, as axudas ao autoemprego permitiron apoiar 10 novos proxectos emprendedores, cun importe concedido de 76.000 euros, o que converte este ano nun dos de maior dinamismo emprendedor da diáspora galega no país. No ámbito educativo, 33 mozos e mozas de Uruguai obtiveron unha bolsa BEME en 2025, cun investimento de 296.500 euros.
Miranda destacou que estas cifras consolidan o papel de Uruguai como un dos países de referencia no retorno galego e puxo en valor o labor da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, que desde a súa posta en marcha atendeu 1.447 consultas de persoas procedentes deste país.
O secretario xeral subliñou que a Xunta continuará reforzando estas políticas, que “permiten recuperar talento, apoiar proxectos de vida e fortalecer a conexión de Galicia coa súa diáspora”.
Novas relacionadas




