Miranda conclúe coas e cos galegos de Suíza a rolda de contactos permanentes coa colectividade de Europa, que comeza a retomar a súa actividade con seguridade

Os centros galegos do Vello Continente volven pouco a pouco a abrir as súas portas e a reactivarse tanto económica como culturalmente.

O secretario xeral da Emigración, na videoconferencia coas e cos representantes de entidades galegas en Suíza
O secretario xeral da Emigración, na videoconferencia coas e cos representantes de entidades galegas en Suíza
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, vén de completar esta nova rolda de contactos permanentes cos galegos e galegas de Europa cunha videoconferencia na que constatou como a colectividade exterior comeza pouco a pouco a retomar a súa actividade, tanto económica como cultural. Algúns dos centros galegos situados no Vello Continente están empezando a abrir as súas portas dun xeito paulatino e mantendo sempre as medidas de seguridade impostas no seu país de residencia para preservar a saúde das e dos socios, usuarios e traballadores. Así llo confirmaron as e os representantes da poboación galega en países como Suíza, que se suman así ás e aos residentes en Alemaña, Reino Unido e Portugal, cos que mantivo un encontro a semana pasada.

Esta reapertura gradual supón un pulo moi importante tanto para o desenvolvemento social dos centros do exterior como para o mantemento da actividade dirixida a preservar e difundir a cultura e tradicións galegas, un dos principais obxectivos das entidades inscritas no Rexisto da Galeguidade da Secretaría Xeral da Emigración. Por este motivo, Miranda quixo trasladarlles o seu “agradecemento polo esforzo que están a facer para seguir adiante co seu propósito de manter viva Galicia alí onde viven, malia ter que facer fronte ás dificultades e imprevistos que trouxo consigo a pandemia do coronavirus”.

Importante representación galega
No encontro telemático participaron representantes do Centro Galego de Lucerna, a Promoción da Cultura Galega de Lausanne, a Asociación Cultural Galega “A Roda”, a asociación “As Xeitosiñas” Grupo de Baile e Banda de Gaitas de Zurich, o Centro Recreativo Cultural Ourense, a Sociedade A Nosa Galiza, a Irmandade Galega na Suíza, o Centro Galego de Olten, a Peña Española de Grabs e o Centro Galego Val do Rhin.

En Suíza residen actualmente un total de 41.106 habitantes de orixe galega, erixíndose no quinto país do mundo con máis presenza galega, segundo os datos do Padrón de Españoles Residentes no Estranxeiro (PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2020 polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

562 lecturas