Miranda avanza nun encontro cos medios de prensa en Bos Aires a organización en marzo dunha Feira de Emprego en Arxentina e Uruguai
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nun encontro cos medios de prensa en Bos Aires, onde presentou as grandes liñas de actuación da Xunta de Galicia no ámbito do apoio á colectividade galega no exterior. O secretario xeral avanzou que a principios do próximo mes de marzo se organizará unha Feira de Emprego tanto en Arxentina como en Uruguai, coa finalidade de ofrecer oportunidades laborais e asesoramento específico á cidadanía galega residente nestes dous países. Esta acción busca fomentar o retorno e facilitar a inserción profesional das persoas que desexen volver a Galicia ou establecer un contacto máis directo co mercado laboral galego.
Acompañado polo delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, Miranda animou a todos os potenciais interesados a participar activamente neste evento, no que tamén se dará información sobre os programas de retorno e posibilidades de emprendemento e información de carácter xeral para quedarse en Galicia. Tamén servirá para acabar de definir a selección dos participantes deste ano. Ademais, subliñou a relevancia de iniciativas coma esta para reforzar os vínculos entre a comunidade galega na Arxentina e a sociedade galega, propiciando así unha relación máis estreita e colaborativa.
Así mesmo, o secretario xeral lembrou que a nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) permanece aberta ata o próximo 30 de abril, brindando a mozos galegos do exterior a oportunidade de cursar estudos de posgrao en Galicia. Esta iniciativa busca fomentar o retorno de talento e reforzar o papel da mocidade no desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma.
Novas relacionadas




