Miranda asiste á recepción das e dos novos bolseiros BEME organizada pola Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia

Estas bolseiras e bolseiros, galegos do exterior chegados de máis de 20 países de todo o mundo, cursarán ao longo deste ano académico un mestrado nunha das tres universidades galegas.

O secretario xeral da Emigración aproveitou o acto para animalas e animalos nesta nova etapa e recordar que este ano a Xunta aumentou o número de bolseiras e bolseiros de excelencia académica de 150 a 200.

Imaxe do acto celebrado onte en Santiago de Compostela
Imaxe do acto celebrado onte en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu onte sábado pola tarde, ao acto  de benvida aos novos bolseiros BEME que organizou AJERGA (Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia) no centro Don Bosco de Santiago de Compostela.

O programa de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME da Secretaría Xeral da Emigración permitirá que este curso académico 200 mozos e mozas galegas do exterior poidan cursar algún dos mestrados que ofertan as tres universidades galegas. 

Trátase dun programa de axudas que ofrece a Xunta de Galicia e que suma así a súa quinta edición, na procura de fomentar o retorno da xuventude galega no exterior.

Durante o acto de benvida, o secretario xeral felicitou aos beneficiarios e beneficiarias por obter esta bolsa de axuda académica  e recordou que dende 2017 son xa 900 as persoas beneficiadas por esta iniciativa.

“Sabemos que moitos de vós fixestes un gran esforzo para estar hoxe aquí iniciando unha nova etapa, en Galicia, traendo incluso as vosas parellas e os vosos fillos”, engadiu Rodríguez Miranda. “Para algúns é unha oportunidade de retornar tras anos no estranxeiro e ampliar estudos e para outros é a posibilidade real de descubrir a Galicia dos seus devanceiros e atopar un futuro na nosa terra”.  

424 lecturas