Miranda aos participantes de Escolas Abertas na súa visita á SXE: “É fundamental que coñezades de preto o labor que facemos para manter vivos os vencellos entre Galicia e os galegos do exterior”
Os participantes do programa Escolas Abertas tiveron a oportunidade de visitar hoxe a sede da Secretaría Xeral da Emigración onde foron recibidos polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen lles deu a benvida e destacou a importancia de fortalecer os lazos entre Galicia e os galegos do exterior. Durante a visita, os participantes tiveron a ocasión de coñecer de primeira man o traballo que se realiza dende esta institución para apoiar aos galegos residentes no exterior no retorno e promover a cultura galega polo mundo. Pediu que foran transmisores da cultura galega en todas as partes do mundo.
Os alumnos percorreron as instalacións do edificio, acompañados por persoal da Secretaría, que lles explicou as diversas funcións e proxectos que se levan a cabo dende esta entidade. A visita resultou ser unha experiencia enriquecedora para todos, permitindo aos participantes ampliar os seus coñecementos sobre a labor que realiza a Secretaría Xeral da Emigración e fortalecer o seu sentimento de pertenza á comunidade galega.
Novas relacionadas




