Unha gala de exhibición mostra a formación das e dos participantes no programa Escolas Abertas da Secretaría Xeral da Emigración en Ferrol

No evento participaron o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, así como o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a delegada da Xunta, Martina Aneiros Barros.

Medio centenar de galegas e galegos do exterior formáronse durante as pasadas semanas no Centro Superior de Hostalaría de Galicia para levar ás súas entidades de América e Europa os sons, os bailes e a restauración galega.

O programa tivo como obxectivo dar formación especializada ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, confección de traxes tradicionais e cociña galega. 

  • Imaxe da Gala de exhibición das Escolas Abertas 2023 celebrada en Ferrol
    Imaxe da Gala de exhibición das Escolas Abertas 2023 celebrada en Ferrol
  • Imaxe da Gala de exhibición das Escolas Abertas 2023 celebrada en Ferrol
    Imaxe da Gala de exhibición das Escolas Abertas 2023 celebrada en Ferrol
  • Imaxe da Gala de exhibición das Escolas Abertas 2023 celebrada en Ferrol
    Imaxe da Gala de exhibición das Escolas Abertas 2023 celebrada en Ferrol
Gala de exhibición das Escolas Abertas 2023
Listen to this page using ReadSpeaker
Ferrol (A Coruña), 16 de xullo de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros Barros, presidiron a gala coa que se puxo o peche de ouro ao programa Escolas Abertas da Xunta de Galicia que tivo como obxectivo que medio cento de galegas e galegos do exterior, membros das entidades galegas de dez países de Europa e América, se formaran no Superior de Hostalaría de Galicia, en Santiago de Compostela, ao longo destas pasadas semanas.

Centos de persoas puideron desfrutar cos bailes, cantos, desfiles e músicas preparadas por estas e estes profesores de centros galegos do exterior e que demostran que a cultura galega promóvese en todo o mundo e transmítese de xeración en xeración. Deste xeito, as e os participantes no programa Escolas Abertas actuaron na praza do Marqués de Amboage ofrecendo diversas interpretacións musicais e de danza, así como tamén un desfile cos traxes tradicionais que confeccionaron estes días. A gala rematou co espectáculo de gaitas e luz Mitic.

Este programa, que leva desenvolvéndose varias décadas, está dirixido ás entidades galegas do exterior, e permite dar formación especializada ás persoas responsables de impartir docencia en actividades de cultura tradicional galega, de confección de traxes tradicionais galegos e de cociña galega.

O secretario xeral da Emigración agradeceu o labor das e dos formadores destes alumnos e alumnas e instou ás e aos participantes a seguir a traballar por Galicia dende o exterior “e a facer crecer a nosa cultura por todo o mundo”.

Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América. Durante unha semana, as e os participantes recibiron tamén a visita de recoñecidas e recoñecidos músicos, cociñeiros, artesáns e bailaríns de prestixio galegos.

327 lecturas