Emigración renova acordos con entidades de Venezuela para axudar a garantir as condicións de vida das galegas e os galegos máis desfavorecidos
A Xunta destina cada ano 600.000 euros para labores asistencias, sociais e culturais aos 46.000 galegas e galegos que residen na República Bolivariana.
Froito da colaboración coas comunidades galegas, Emigración é quen de axudar a familias en situación de precariedade, a dependentes e persoas enfermas graves ou permanentes, a adquirir medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves, a galegas que sofren violencia de xénero, e a paliar situacións de exclusión social por desemprego, entre outros aspectos.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mieranda, renova esta fin de semana un dos acordos con entidades asentadas en Venezuela que prestan atención social e sanitaria para seguir garantindo, durante o ano 2015, a asistencia neste ámbito a maiores galegas e galegos en risco de exclusión.
O departamento que dirixe Rodríguez Miranda ten investido ao longo de 2014 –último exercicio orzamentario executado, sendo similar a previsión para 2015- en accións asistenciais, sociais e culturais en Venezuela un total de 600.000 euros, entre axudas individuais, acordos para atención sociosanitaria con entidades que traballan neste eido, e diversos programas da Secretaría.
Desta maneira, ademais de axudar no coidado ás e aos maiores galegos residentes en Venezuela, e froito da colaboración e o intenso labor das comunidades galegas a pé de campo, Emigración pode axudar ás galegas e galegos residentes en Venezuela con unidade familiar en situación de precariedade; con situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; con invalidez ou enfermidade permanente; sen cobertura abondo de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves; a mulleres que sofren violencia de xénero; e as situacións de risco de exclusión social por desemprego na unidade económica familiar; entre outras casuísticas amparadas polos programas e liñas de axuda da Secretaría Xeral.
Ollos e mans
Aparte dos acordos para apoiar directamente ese traballo no ámbito dos servizos sociais, Emigración tamén apoia o desenvolvemento de accións que consolidan o papel das comunidades galegas como eixo catalizador da axuda social en todo o país. Así, e precisamente polo delicado do momento en Venezuela, as súas funcións e carteira de servizos estanse a ampliar non só ás asociadas e asociados directos das comunidades galegas, senón a toda a colectividade galega presente na República Bolivariana.
Estas comunidades desenvolven tarefas de apoio para facilitar os requisitos administrativos ás persoas beneficiarias dos programas sociais de Emigración: ademais das axudas individuais, as de emerxencia social, e tamén os programas Conecta con Galicia, Reencontros na Casa, Reencontros na Terra, Escolas Abertas, Campamentos de Verán, obradoiros e seminarios, etc., tanto na capital, Caracas, como noutras poboacións de relevancia da República.
Así, de maneira complementaria, as e os propios paisanos residentes en Venezuela realizan labores de pescuda de galegas e galegos en situación de precariedade, tarefa que resultaría inviable sen a activa colaboración, e a decidida implicación das traballadoras e traballadores, e membros en xeral, desas entidades, que a Xunta recoñece e valora. “Galicia ten ollos e mans en Venezuela, para axudar aos que máis o necesitan, e ese ollos e mans son precisamente as comunidades galegas presentes no país”, en palabras de Rodríguez Miranda.
Novas relacionadas