Feijóo referenda en Uruguai o compromiso da Xunta coas e cos galegos no exterior e salienta que os programas de atención social chegaron a máis de 30.000 galegas e galegos o ano pasado

Destaca que a Xunta destinou en 2019 un total de 4 millóns: para axudas directas a máis de 8.000 familias; e para a prestación de servizos sociais, a través da colaboración con entidades, chegando a máis de 21.000 galegas e galegos residentes no exterior.

Asevera que a firma dos convenios con distintas institucións pon de manifesto que os valores de fraternidade e solidariedade que caracterizaron ás primeiras e aos primeiros galegos da diáspora seguen a inspirar tamén o traballo da Xunta.

Traslada tamén a posibilidade de que as e os médicos que estean acabando a súa formación ou aquelas e aqueles que queiran desenvolver unha formación continuada poidan facelo nos hospitais galegos en calquera especialidade.

  • O presidente da Xunta presidiu o acto de sinatura dos protocolos de colaboración coa Casa de Galicia, o Hogar Español e a Asociación Española Primera en Salud
    O presidente da Xunta presidiu o acto de sinatura dos protocolos de colaboración coa Casa de Galicia, o Hogar Español e a Asociación Española Primera en Salud
  • O presidente da Xunta presidiu o acto de sinatura dos protocolos de colaboración coa Casa de Galicia, o Hogar Español e a Asociación Española Primera en Salud
    O presidente da Xunta presidiu o acto de sinatura dos protocolos de colaboración coa Casa de Galicia, o Hogar Español e a Asociación Española Primera en Salud
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (O Uruguai), 1 de febreiro de 2020.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referendou hoxe en Uruguai o compromiso da Xunta cos galegos e as galegas no exterior e destacou que os programas de atención social da Secretaría Xeral da Emigración chegaron a máis de 30.000 cidadás e cidadáns galegos durante o ano pasado.

Ao longo do acto de sinatura dos protocolos de colaboración coa Casa de Galicia, o Hogar Español e a Asociación Española Primera en Salud, Feijóo destacou que a Xunta destinou en 2019 un total de 4 millóns de euros: para axudas directas a máis de 8.000 familias en Arxentina, Uruguai, Brasil, Cuba e Venezuela; e para a prestación de servizos sociais, a través da colaboración con entidades, chegando a máis de 21.000 galegas e galegos en Venezuela, Arxentina, Uruguai, Brasil e Cuba, co obxectivo de garantir as mellores condicións posibles de vida para as e os maiores de orixe galego que necesitan atención neses centros.

Sobre este punto, Feijóo aseverou que a firma esta tarde destes convenios pon de manifesto que os valores de fraternidade e solidariedade que caracterizaron ás e aos primeiros galegos da diáspora seguen a inspirar tamén o traballo da Xunta. “Cos protocolos firmados hoxe Galicia volve comprometerse cos nobres obxectivos que os galegos da diáspora iniciaron”, dixo, lembrando que a Casa de Galicia, que suma máis de 100 anos, mantén o compromiso de atención no ámbito sanitario, así como tamén no académico.

Así mesmo, destacou que o Hogar Español de Montevideo, que naceu fai seis décadas co obxectivo de acoller ás anciás e aos anciáns galegos que cando deixaban os hospitais non tiñan un fogar onde repoñerse, presta atención aos galegos e galegas residentes no país coa colaboración do Goberno de España e da Xunta. E da Asociación Española Primera en Salud, a primeira mutualista fundada no continente americano, con 165 anos de servicio, subliñou que presta cobertura a máis de 190.000 persoas asociadas, cun equipo humano de case 8.000 traballadoras e traballadores.

Durante o acto, o presidente da Xunta trasladou tamén a posibilidade de que as e os médicos que estean acabando a súa formación ou aquelas e aqueles que queiran desenvolver unha formación continuada poidan facelo nos hospitais galegos en calquera especialidade.

Feijóo concluíu agradecendo a hospitalidade e o interese que as distintas institucións deste país mostran sempre por Galicia e avogou por seguir colaborando no futuro. “Saben que sempre poderán contar con Galicia”, sentenciou.

Neste mesmo sentido, constatou que esta viaxe puxo de manifesto que Galicia é unha oportunidade para Uruguai e Uruguai, unha oportunidade para Galicia. “E así llo trasladei ao presidente electo, Lacalle Pou, onte. As empresas galegas contan cun saber facer en sectores como as infraestruturas e as enerxías renovables que poden ser útiles para este país”, dixo, recordando tamén as oportunidades de negocio noutros sectores como o agroalimentario, o farmacéutico, o forestal ou a industria naval.

895 lecturas