Miranda agradece en Caracas o labor da directiva da Hermandad Gallega polo seu compromiso coa colectividade durante todos estes anos
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo en Caracas un encontro coa directiva saínte da Hermandad Gallega de Venezuela, encabezada por Noemí Cendón Tizón, na que quixo agradecer persoalmente o traballo realizado durante os últimos anos en favor da colectividade galega residente no país. Recordou que Cendón foi a primeira muller en presidir unha entidade tan relevante e actualmente o Centro Galego con máis socios e servizos. Durante a reunión, Miranda destacou a dedicación e o esforzo da entidade para manter viva a galeguidade en circunstancias complexas, garantindo un espazo de encontro, apoio mutuo e preservación da identidade cultural.
O responsable autonómico recoñeceu o papel fundamental que xogou a Hermandad Gallega como referente da comunidade galega en Venezuela e puxo en valor a colaboración constante coa Xunta de Galicia a través de programas sociais, culturais e asistenciais. Miranda trasladou tamén o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando á entidade nesta nova etapa, ofrecendo continuidade ás iniciativas que melloren a calidade de vida e a atención dos galegos e galegas residentes no país.
Novas relacionadas





