Miranda afonda nas liñas estratéxicas de colaboración co Centro Gallego de Madrid

Pon en valor o esforzo que está a realizar o Centro na procura de mellorar desde a base do traballo conxunto e a colaboración.

O secretario xeral da Emigración mantén un encontro coa directiva dunha entidade que suma 127 anos de historia
O secretario xeral da Emigración mantén un encontro coa directiva dunha entidade que suma 127 anos de historia
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 1 de outubro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe un encontro, no Centro Gallego de Madrid, co seu presidente, Fernando Rey Paz, no que puideron afondar nas liñas estratéxicas de colaboración cunha das entidades máis relevantes do país. 

Durante a xuntanza, na que tamén participaron Elisardo Flores, tesoureiro do centro, e José Iglesias, xefe de servizo de Comunidades Galegas, o titular do departamento autonómico puxo en valor o esforzo que está a realizar o centro na procura de mellorar a situación na que se atopaba sobre a base do traballo conxunto e a colaboración. 

Miranda subliñou que este labor se constitúe como un "novo reto" para unha entidade que suma "127 anos de galeguidade", e que agora está a iniciar unha nova etapa na procura de acadar a estabilidade necesaria para "seguir sendo o fogar de miles de galegos“. 

Preto de 80.000 galegas e galegos na comunidade
Na Comunidad de Madrid residen actualmente 78.201 cidadás e cidadáns galegos, dos que 26.841 proceden da provincia da Coruña, 15.527 da de Lugo, 15.501 da de Ourense e 20.332 da de Pontevedra. 

Pola contra, Galicia acubilla 23.293 residentes madrileñas e madrileños, dos que 10.410 fano na provincia da Coruña, 2.920 na de Lugo, 2.209 na de Ourense e 7.754 na de Pontevedra. Estas cifras, publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a data 1 de xaneiro de 2019, poñen de relevo a imprescindible e estreita relación que manteñen historicamente ambas comunidades autónomas.

550 lecturas