Miranda afirma en Bos Aires que a pandemia fixo aflorar as fortalezas do traballo conxunto de entidades e Administración, a prol da colectividade

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro cos centros galegos da Arxentina aos que agradeceu, xunto á Delegación da Xunta en Bos Aires, a atención prestada durante a pandemia aos galegos e galegas residentes no país.

Aproveitou o encontro para pedir a colaboración das entidades na difusión das diferentes liñas de apoio ao retorno que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que xorden dun acompañamento integral que se inicia xa no propio país de orixe.

  • Foto da reunión do secretario xeral da Emigración cos e coas responsables das entidades galegas
    Foto da reunión do secretario xeral da Emigración cos e coas responsables das entidades galegas
  • Foto da reunión do secretario xeral da Emigración cos e coas responsables das entidades galegas
    Foto da reunión do secretario xeral da Emigración cos e coas responsables das entidades galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 3 de decembro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, celebrou onte en Bos Aires unha reunión na capital da Arxentina coas entidades galegas, continuando coa rolda de contactos presenciais iniciadas esta semana no Uruguai, e na que se falou sobre o labor desenvolvido por estes centros a prol dos galegos e galegas que sufriron maiores problemas sociais e económicos derivados da pandemia da covid-19, así como da necesidade de difundir as liñas de retorno coas que traballa a Xunta de Galicia para acoller ás familias que desexen volver a España. 

Á reunión asistiu tamén o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, aproveitando que onte á tarde tivo lugar a representación, por primeira vez na Arxentina, da produción O charco de Ulises, no Teatro Astral.

Miranda centrou a súa intervención ante as e os representantes dos centros galegos en Bos Aires dando as grazas tanto á Delegación da Xunta como ás propias entidades pola atención prestada á colectividade galega neste país, de xeito relevante a quen “máis padeceu, xa sexa por cuestións de saúde ou por cuestións económicas, esta crise”. 

Neste senso, o secretario xeral destacou que dende a Administración autonómica constátase o incremento de galegas e galegos residentes na Arxentina que desexan volver a España, e, deste xeito, instou ás entidades a dar a coñecer as políticas de retorno que ten en marcha a Xunta de Galicia e que supoñen un acompañamento integral xa dende o propio país de residencia ás familias que queren regresar. 

Finalmente, Miranda tamén animou ás entidades a continuar a divulgar e promover a cultura e a lingua galegas, para manter as tradicións, recuperando as celebracións culturais da colectividade, un labor para o que os centros galegos continuarán a contar co impulso e apoio da Xunta de Galicia.

485 lecturas