Miranda acompaña na Misa do Peregrino a máis de douscentos participantes das edicións deste ano de 'Conecta con Galicia' e 'Escolas abertas', case todos residentes no exterior
Alén da súa importancia na proxección internacional da nosa terra, o voo do botafumeiro na cruceta catedralicia constitúe un dos referentes fundamentais no imaxinario colectivo da diáspora.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañou este mediodía na Misa do Peregrino a un grupo de máis de douscentos participantes nos programas da Xunta ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’, que asistiron con boa parte dos seus monitores e profesores. Un dos membros do grupo de participantes foi o encargado, precisamente, de facer a invocación ao Apóstolo durante o oficio relixioso.
Así, ademais de Miranda e persoal do seu departamento, escoitaron o oficio máis de 80 mozas e mozos residentes no Exterior, integrantes da segunda quenda do programa ‘Conecta con Galicia’; unha cantidade similar de participantes, tamén da diáspora, en ‘Escolas Abertas’; unha ducia de monitores do primeiro programa e docentes do segundo; e finalmente en torno a 40 rapaces residentes na Galicia territorial, que están a compartir estadía cos seus compañeiros do Exterior na primeira das iniciativas.
A Misa do Peregrino, co correspondente voo do botafumeiro na cruceta catedralicia, é un dos referentes culturais, históricos, plásticos, turísticos e por descontado relixiosos, máis importantes e estendidos na proxección internacional de Galicia. Alén do seu carácter de promoción da nosa terra, constitúe unha imaxe reiterada no imaxinario colectivo da Emigración galega, transmitido a segundas e terceiras xeracións, moitas nadas xa na diáspora: velaí a relevancia e transcendencia íntima e subxectiva que moitos dos participantes na cerimonia de hoxe conferían á súa presenza na basílica compostelá, e que propiciou nelas e neles intensos e emotivos momentos.
Manter ligazóns
Precisamente, durante a invocación o representante dos participantes salientou que “con esta experiencia tivemos a oportunidade de coñecer xente de países e culturas moi diversas, pero coas que compartimos moitas cousas en común. Por iso nesta ofrenda amosámosche a petición e o desexo de que tódolos que formamos parte do programa Conecta con Galicia e do programa Escolas Abertas non perdamos nunca as ligazóns que nos unen con esta terra e que a fan para nós tan enriquecedora e acolledora ao mesmo tempo”, e continuou asegurando que “Galicia estará presente en tódolos currunchos do mundo porque así o quixeron os nosos devanceiros, que uniron os seus esforzos para manter viva a nosa lingua, cultura e tradicións, na terra onde naceron os seus fillos e fillas”.
No grupo que hoxe estivo na Misa do Peregrino, sumando os participantes nos dous programas, había 67 residentes na República Arxentina, 32 en Venezuela, 18 en Cuba, 14 en Brasil, 13 en Uruguai, 3 en Chile, 3 en Suíza, 2 nos Estados Unidos, outros 2 en México, e cadanseu procedente de Perú, Bélxica e Alemaña, ademais de 7 residentes noutras Comunidades Autónomas españolas. A eles suáronse profesores e persoal da Secretaría Xeral de Emigración.
Parte do grupo viña hoxe desde Lugo (o alumnado de Escolas Abertas), outro de Gandarío (de realizaren as actividades náuticas ao abeiro do ‘Conecta con Galicia’) e o terceiro viña a pé, precisamente de rematar o Camiño de Santiago na Praza da Quintana (o outro grupo participante no ‘Conecta con Galicia’).
‘Conecta con Galicia’
Este ano aumentou un 5 por cento o número de prazas convocadas neste programa, e téñense adiantado os prazos de convocatoria e resolución, para facer máis áxil a xestión aos beneficiarios. O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
A iniciativa desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se benefician 160 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Estes beneficiarios do programa comparten con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días no mes de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar. Nestas instalacións realizan dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, os participantes alóxanse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participan en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorren o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizan actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.
A segunda modalidade son os campos de traballo, para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.
2’4 millóns
Estas modalidades forman parte da Campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar, que no seu conxunto oferta este ano un total de 8.530 prazas, un 3,2 por cento máis que en 2014. As actividades, que se prolongarán ao longo do verán, favorecerán tamén a contratación de máis de 900 monitores e directores de campamentos, que son na súa maioría xente nova.
A Xunta inviste 2,4 millóns de euros en desenvolver esta campaña, que inclúe: campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada, campos de traballo para maiores de idade, e actividades para maiores de 18 anos.
‘Escolas Abertas’
A través destoutro programa, oitenta cidadáns residentes no exterior acceden á formación especializada en diversas áreas, para despois divulgala nas súas áreas de residencia habitual. A convocatoria deste ano tamén se ten adiantado un mes respecto do pasado ano, co obxectivo de facer o máis áxil posible a tramitación das solicitudes, e para outorgar máis tempo aos beneficiarios, e aos seus docentes, para a planificación da viaxe e das actividades a desenvolver.
Trátase dun programa que pretende espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva.
As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así aos cidadáns da Galicia do Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.
Así, e segundo o secretario xeral da Emigración Antonio Rodríguez Miranda, “a formación, a través dos participantes en Escolas Abertas, espállase a decenas de milleiros de alumnas e alumnos polos centros e casas de Galicia no mundo”. Ata o momento, téñense formado directamente nas distintas edicións do programa en torno a 700 persoas, pero cada unha delas transmite despois os seus coñecementos e aprendizaxe aos respectivos alumnados nos centros e casas de Galicia onde imparten as clases.
Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2015 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, canto popular, percusión tradicional galega, e confección de traxe tradicional galego. Cómpre salientar que sempre se trata de obradoiros que teñen unha ampla demanda nas entidades galegas no exterior, criterio básico seguido por Emigración para a convocatoria destes cursos.
Novas relacionadas





