As e os beneficiarios dos programas ‘Conecta con Galicia’ e ‘Escolas Abertas’, da Secretaría Xeral da Emigración, participan conxuntamente nunha misa na catedral de Santiago
Na Praza do Obradoiro confluirán esta tarde a segunda quenda do programa dirixido á mocidade galega da diáspora, e mailo alumnado dos diferentes cursos de especialización para residentes no Exterior.
Case douscentos galegas e galegos da diáspora que participan este verán en dous dos programas da Secretaría Xeral da Emigración coincidiron esta tarde na basílica compostelá
Case douscentos galegas e galegos da diáspora que participan este verán en dous dos programas da Secretaría Xeral da Emigración coincidiron esta tarde na basílica compostelá
Case douscentos galegas e galegos da diáspora que participan este verán en dous dos programas da Secretaría Xeral da Emigración (desenvolvido un deles en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar) coincidirán esta tarde na basílica compostelá, nunha experiencia que para moitas e moitos deles será o primeiro achegamento ao principal monumento galego. Será esta a única ocasión en que coincidan xeograficamente as e os participantes nestas iniciativas.
Trátase das e dos integrantes da quenda da segunda quincena de xullo do programa ‘Conecta con Galicia’, e das alumnas e alumnos das distintas disciplinas ofertadas nas ‘Escolas Abertas’; ambas, iniciativas da Secretaría Xeral da Emigración.
Conecta con Galicia
‘Conecta con Galicia’ é un programa que ten como obxectivo fornecer as ligazóns que relacionan aos galegos e galegas de segunda xeración coa terra das súas familias e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
A mocidade galega da diáspora de entre 14 a 20 anos desenvolve actividades de aire libre, compartindo con compañeiros e compañeiras residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.
Nestas instalacións realizan dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes desenvolven actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural galego e percorren o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia”, realizando actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.
Escolas Abertas
Os obradoiros de formación de carácter presencial, dirixidos tanto ás comunidades galegas no exterior como a cidadáns e cidadás individuais residentes no estranxeiro, pretenden espallar a cultura, modo de vida e actualidade de Galicia por todo o mundo a través da convivencia e estadía de persoas que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos. Desta maneira, a Galicia actual dáse a coñecer da maneira máis efectiva e afectiva entre os países nos que se asentan colonias de galegos e galegas.
As e os alumnos deste programa son, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega así á cidadanía de toda a Galicia Exterior. Coa instrución e mellora de habilidades das e dos participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.
Os cursos que se levan a cabo nesta edición de 2014 consisten en obradoiros de especialización das seguintes modalidades: gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, e confección de traxe tradicional galego.
Novas relacionadas



