MENSAXE DE FIN DE ANO DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

  • Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
    Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
  • Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
    Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
  • Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
    Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2016.

 

Boas tardes.

Como sucede en todas as sociedades plurais, Galicia celebra estas Festas de diferentes maneiras. Pero todas coinciden en resaltar o noso espírito comunitario. Reunión, reencontro, familia, amizade, son ideas comúns a todos nós nestas datas. Todos somos partícipes das tradicións que outros nos legaron, sentimos a lembranza dos que faltan e compartimos esperanzas.

A democracia ten as súas raíces no desexo de sentir e facer cousas xuntos. A democracia precisa ser afectiva e efectiva.

Sen afectos non pasa de ser unha formula fría.

Sen eficacia, incumpre un dos seus principais propósitos.

Os galegos estamos logrando que a autonomía nos cohesione aínda máis, por riba de diferenzas ideolóxicas, territoriais ou xeracionais. Construímos un país de afectos no que as discrepancias sempre teñen un camiño para chegar ao acordo, e onde o acordo xurde tras normais discrepancias.

Cada día, nos centros de traballo e de investigación, nas asociacións cívicas e en colectivos diversos, os galegos acordan e deciden xuntos. É algo cotián e espontáneo, que explica a vitalidade da nosa terra.

Desexo que ese espírito se traslade á vida pública, sen menoscabo dun debate que sempre é enriquecedor. Non estamos os políticos condenados a entendernos porque o entendemento nunca pode ser unha condena. Estamos animados a facelo para estar á altura do exemplo que nos proporciona o noso pobo.

A dimensión dos retos reclama puntos de encontro. A recuperación ben patente da nosa economía só será irreversible e completa coas medidas axeitadas, coa potenciación dos sectores tradicionais, o impulso aos novos e o rexurdimento do medio rural.

Esa Galicia minguante que reflicten os datos demográficos esixe unha reacción política e social unánime, semellante á que se produciu noutros países do noso entorno con notable éxito.

A loita contra a criminal violencia machista reclama unha fronte común contra os verdugos, onde non caben fronteiras partidarias.

A exclusión social é un inimigo común que non permite matices nin dúbidas.

Gobernar para os galegos, en definitiva, non é outra cousa que gobernar coma os galegos. Se esa cohesión política resulta imprescindible para consumar obxectivos internos, tamén o é para acadar o peso necesario de Galicia en decisións que afectan ao conxunto de España.

Galicia non quere máis que ninguén pero tampouco menos. Non aspira a ningún privilexio, pero tampouco os aproba. Avoga por esa nación equilibrada e solidaria que consagra a Constitución feita e referendada por todos.

En materia de financiamento autonómico ou en infraestruturas coma o AVE o interese permanente de Galicia está e estará baseado na xustiza e no trato ecuánime.

A Xunta, as forzas políticas e a sociedade galega no seu conxunto, teñen o dereito e o deber de facer valer eses principios en todos os foros, e diante de todos os poderes públicos. Non se trata de compromisos con Galicia, senón tamén de compromisos coa España cohesionada e artellada da que orgullosamente formamos parte.

Somos os galegos unha democracia afectiva e tamén unha democracia efectiva que vai resolvendo problemas con pasos progresivos. Son eses pasos tan rápidos como quixeramos para acabar co drama do paro? Non. Está culminado o camiño para que, por exemplo, o nivel salarial sexa o axeitado? Non. Son preguntas e respostas aplicables a outras situacións humanamente dolorosas que piden actuar con constancia. Pero avanzamos? Sen dúbida. Social e economicamente hoxe estamos mellor do que estabamos hai un ano.

Amigas e amigos. En datas recentes o pobo galego manifestou a súa vontade nas urnas. Dixo o que era, e o que quería ser. Valorou o pasado, pero sobre todo expresou os seus desexos de futuro.

Ese futuro necesítanos a todos. Se nel faltara unha galega ou un galego, estaría incompleto. Se non aspiramos a recuperar nese futuro aos compatriotas que traballan fóra, sería un mañá truncado. Ninguén é prescindible na Galicia que nos une.

Formamos un país grande que participou e participa nas grandes aventuras de España, Europa e o mundo.

Pero tamén un país onde todos nos podemos chamar veciños.

E como veciño quero sumarme aos mellores desexos do ano que vai a comezar para todos. Sei que en todas as familias, tamén na miña, hai ausencias, hai preocupacións, pero tamén hai ilusións que se fan quizais máis patentes nestes días.

No bo e no menos bo, agardo que Galicia siga o exemplo que se dá na maioría das nosas casas. Unha Galicia que afronte os problemas e loite polos seus soños unida. Todos xuntos.

Moitas grazas e bo ano 2017 para todos.

 

 

En imaxes
867 lecturas