Camba recibe na Cidade da Cultura a 54 mozas e mozos chilenos de visita en Galicia.

A viaxe, organizada pola principal entidade española no país andino, conta coa axuda das administracións para fornecer os lazos na segunda xeración de españois alén o Atlántico.

Listen to this page using ReadSpeaker
21 de febreiro de 2011.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, recibiu esta mañá na Cidade da Cultura, no compostelán monte do Gaiás, a 54 mozas e mozos de Chile de entre 16 e 20 anos, que percorren estes días Galicia e España, acompañados por catro monitores/titores.

Trátase dunha nova andaina desta iniciativa anual posta en marcha polo Estadio Español, unha das principais entidades da diáspora galega e española en América Latina, e a máis importante do antedito país andino. O grupo de rapazas e rapaces son fillos de españois que no seu momento decidiron buscar un futuro mellor na Emigración. A visita á terra dos seus proxenitores é unha das maneiras coas que o Estadio Español ensina á presente xeración as linguas, culturas, tradicións, e modos de vida, da terra natal dos seus devanceiros.

Na súa estadía en Galicia, as mozas e os mozos chilenos fan noite no Albergue Xuvenil de Gandarío, dependente tamén da Xunta, e son convidados ao mantemento e á visita guiada á capital galega pola Secretaría Xeral da Emigración. Canto á viaxe, está sufragada pola propia entidade chilena, cunha colaboración do Ministerio de Asuntos Exteriores y de Cooperación.

Fornecer os lazos
No encontro co grupo, Santiago Camba destacou a importancia destas viaxes de coñecemento das raíces, á hora de fornecer as relacións entre un lado e outro do Atlántico, e de facer perdurar a semente de galeguidade que, décadas atrás, orendeu en solo andino, da cal son hoxe froito estes 54 rapazas e rapaces.

1450 lecturas