A Martin Sheen tamén lle gusta a á Este

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2011.

Martin Sheen vén a Galicia menos do que quixera, por iso enténdese que, cando o fai, trate de espremer ao máximo o tempo. E é que aquí se sente como na casa. Volveu demostralo nesta última visita, na que primou o traballo, pero na que buscou (e encontrou) tempo para o pracer (sobre todo gastronómico) e para a familia.

Ao primeiro entregouse sen reparos na casa de María Domínguez e José Manuel Cerviño, é dicir no Novo Cabalo Furado de Tui, unha das escalas fixas da súa axenda. Do moito que lle gusta a cociña de María (e de Geni, de Luci e de Natalia) di moito o feito de que, dos tres días que pasou na cidade (con escapadas a Parderrubias e Vigo), cease alí dous e comese o terceiro.

Así soubemos que, en cuestión de ás, tanto monta o Oeste como o Leste. Polo menos no caso do pito que o martes se meteu entre peito e costas despois de dar conta dun bo prato de xamón ibérico, que regou con auga con gas e refrescos (catro) de limón. E é que un bo día prometeu non volver probar o alcohol e segue cumprindo a promesa.

Compartiu ese día mesa e mantel coa súa irmá Carmen, o seu cuñado Ángel Fontes e o seu fillo Ramón que, respectivamente, se apuntou ao bacallau, as nécoras e o solombo, viandas que neste caso mollaron con viño do Rosal.

Martin Sheen xa exhibira os seus gustos sinxelos a noite anterior, cando acudiu con todo o equipo de rodaxe do documental que se mergulla nas raíces do mítico Capital Willard, que é o que esta vez lle trouxo a Galicia. Lanzáronse aos pratos con máis sabor local da carta: pementos de padrón, empanadas (podo dar fe de que a de peixe sapo a bordan), peixes variados...

María atendeu tamén un antollo de Martin ben doado de atender: ovos fritos con chourizo, ambos os dous caseiros. Quen sabe se era un dos pratos que tomaba Francisco, o seu pai no Vello Cabalo de Salustiano e Encarna, do que tantas veces falaba en Estados Unidos cando o embargaba a morriña.

E entre col e col, mergullo na piscina do parador de Tui, que é onde se hospedou con todo o equipo. Aínda que tivesen que madrugar, alongaban o faladoiro nocturno. Unha mansión en Los Ángeles, que é onde vive, rodeada de medidas de seguridade, está ben, pero unha terraza con vistas ao Miño e boa compañía non ten prezo.

Nesa terraza fixeron a cea de despedida cun arroz con lumbrigante como protagonista principal e torta con mirabeles. Claro que coa parte que máis gozaron, especialmente os americanos, foi coa da preparación (e posterior cata) da queimada. Cóntame Ángel Fuentes, cuñado do actor, que un dos contados comensais galegos sabía o conxuro, así é que a cerimonia foi completa. Quen sabe se ata Geraldine, unha das responsables de produción, comedida como boa oriental, se soltaría a melena. Dende logo, tempo para iso houbo, porque cando se deitaron xa era xoves. Ata a próxima.

Fonte: La Voz de Galicia

1491 lecturas