Malewicz e Miranda pechan a data na que Galicia será por cuarta vez protagonista en Bos Aires
Autoridades da capital arxentina e do Goberno galego acordan o 7 de outubro para a IV edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’.
As galegas e os galegos do Exterior serán “unha vez máis fundamentais no desenvolvemento e despegue” de Galicia, di o secretario xeral da Emigración en Bos Aires.
Canda o delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, presentou as novas liñas de traballo para facilitar que as segundas xeracións de galegas e galegos do Exterior volvan a Galicia, entre as que estarán as ‘Becas Excelencia Mocidade Exterior’.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e mailo delegado da Xunta en Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, comezaron unha nova xeira de contactos coas comunidades galegas residentes en ambos países, e tamén de contactos institucionais para reforzar as excelentes relacións entre os gobernos dun e outro lado do océano, fornecidas en gran medida pola importante e positiva influenza das e dos galegos nestas sociedades de recepción.
Miranda e Dobarro comezaron cun encontro co secretario da consellería de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Juan Castellano, para coñecer a actualidade da colectividade galega nesa materia. Despois, mantiveron unha reunión coa subsecretaria de Dereitos Humanos e Pluralismo e o director xeral de Colectividades do Goberno da Cidade de Bos Aires, Pamela Malewicz e Adrián Varela.
Con eles analizaron posibles liñas novas de colaboración co goberno da cidade, e tamén os preparativos para a cuarta edición do ‘Bos Aires celebra Galicia’, evento que ten reunido a decenas de milleiros de persoas no centro da capital arxentina nas tres pasadas edicións, e que cuxa cuarta edición concordaron que tivese como data o 7 de outubro.
Despois deste encontro, Miranda e Dobarro presentaron as tres liñas de axuda que desenvolve a Secretaría Xeral da Emigración especificamente para fomento do retorno, e que son compatibles con calquera outra da Xunta para todas e tódolos galegos, residan onde residan. A primeira delas, nova este ano, son as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, coas que se pretende captar á mocidade residente fóra e que conclúe a súa formación, e axudala na súa integración laboral, para que fixe a residencia na terra.
“A finalidade do fomento do retorno, especialmente do emprendedor, é aproveitar toda esa experiencia, esa aprendizaxe de anos, que as e os nosos paisanos teñen atesourado no estranxeiro e que servirá unha vez máis para dar pulo ao desenvolvemento da nosa terra, como xa o ten feito en tantas ocasións na nosa historia”, asegurou Miranda ao público presente. “Os galegos residentes fóra do territorio seredes unha vez máis fundamentais no proceso de recuperación e despegue económico de Galicia”, afirmou o secretario xeral.
Emblema de Galicia
Tralo encontro coas comunidades galegas para esta presentación, secretario xeral e delegado presidiron a presentación do libro de Alberto Cacharrón Crónicas de un Bicigrino, sobre o Camiño de Santiago. As comunidades galegas do Exterior poden desenvolver un importante traballo de promoción e difusión da milenaria rota con final na tumba do Apóstolo.
Precisamente, e aínda en clave xacobea, rematou o acto coa entrega de cadansúa ‘compostela’ a mozas e mozos participantes no programa ‘Conecta con Galicia 2016’ e que, tal e como acredita o documento, realizaron o tramo correspondente da vía xacobea durante a súa estadía en Galicia.
Miranda e Dobarro continúan hoxe a súa axenda reuníndose co equipo coordinador do CD musical do evento ‘Buenos Aires celebra Galicia’, e tamén con varias e varios representantes de comunidades galegas na Arxentina. Xa durante a fin de semana, desprazarase ata Uruguai, onde, entre outras actividades, compartirán a gran celebración anual da colectividade galega no país.
Máis de 200.000
Segundo os últimos datos do INE, na Arxentina residen arestora 170.645 paisanas e paisanos, dos cales 126.409 (o 74’07 por cento) naceron xa na diáspora; e no Uruguai, habitan 40.660 galegas e galegos, de quen 32.203 (o 79’20 %) son tamén galegas e galegos nados fóra da Galicia territorial.
Novas relacionadas






