Igualdade realiza unha investigación sobre a situación das vítimas de trata en Galicia, no marco do programa Itíneris

Unha delegación de Brasil desenvolve unha visita de estudo a Galicia, que esta mañá foi obxecto dunha recepción institucional, presidida polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, á que tamén asistiron o fiscal superior de Galicia e o comisario xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá de A Coruña.

Listen to this page using ReadSpeaker

O conselleiro de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na recepción á delegación brasileira que visita Galicia no marco do proxecto Itíneris. Foto: Conchi Paz.. A Secretaría Xeral da Igualdade está a realizar unha investigación sobre a situación actual das vítimas de trata en Galicia, no marco do programa Itíneris, para a protección dos dereitos das persoas inmigrantes, especialmente no ámbito da trata e da explotación sexual. Esta investigación, baseada nun amplo traballo de campo e que estará rematada a finais de outubro, é unha das iniciativas asumidas por Galicia, na súa condición de membro deste programa, no que participan a Xunta de Galicia, Brasil e Portugal, tal e como puxo de relevo esta mañá a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, coincidindo coa visita a Galicia dunha delegación de Brasil implicada no programa.

A delegación brasileira está integrada por preto de 20 profesionais, procedentes da Policía federal; da Secretaría Nacional de Xustiza; da Secretaría de Xustiza dos estados de Pará, Acre, Bahía e Guarulhos; así como dos centros antitráfico de persoas de Sao Paulo, Río de Xaneiro, Ceará, Amazonas e Pernambuco. Complétase cunha representación da Comisión para a Igualdade de Xénero de Portugal e do Centro Internacional para o Desenvolvemento de Políticas Migratorias -ICMPD en inglés- , con sede en Viena (Austria), que é a entidade promotora de Itíneris.

Esta visita de estudo ten como obxectivo o intercambio trilateral de experiencias entre Galicia, Portugal e Brasil na identificación de persoas traficadas, protocolos e sistemas de derivación. E deu comezo cunha recepción institucional á delegación, ofrecida polo conselleiro de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; e o comisario xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá de A Coruña, Silverio Blanco.

O programa Itíneris, que deu comezo o pasado ano, ten como finalidade establecer medidas e actuacións coordinadas entre os tres países participantes para protexer os dereitos das persoas inmigrantes, especialmente no ámbito da explotación e da trata, cunha liña de actuación directa entre os países de orixe e de destino. A participación en Itíneris é de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres tratadas para fins de explotación sexual na comunidade, xunto a Romanía e Nixeria.

A xefa da delegación brasileira, Mariana Siqueira de Carvalho, coordinadora nacional da loita contra o tráfico de persoas, sinalou, en declaracións aos medios, que Europa é un destino atractivo para as mulleres de Brasil, “por canto consideran o continente como un lugar con máis posibilidades de futuro e, en concreto, no caso de Galicia incide o factor da proximidade do idioma”.

Reunións técnicas en Santiago e Vigo
A axenda da estadía en Galicia, programada pola Secretaría Xeral da Igualdade, inclúe unha sesión técnica trilateral da delegación brasileira coa representación portuguesa e as entidades galegas que traballan na protección e asistencia ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, que se celebra hoxe en Santiago, e continúa mañá cunha reunión en Vigo, na que participarán as fiscalías delegadas de estranxeiría de Galicia e representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado. O mércores, a delegación brasileira viaxará a Lisboa para continuar os contactos cos axentes gubernamentais e coas entidades de Portugal implicadas no desenvolvemento de Itíneris.

O proxecto Itíneris é unha iniciativa do ICMPD, entidade que ten como obxectivo mellorar e facilitar a cooperación rexional e internacional nas políticas de migración e promover políticas innovadoras, desde a perspectiva dunha migración global e sostible. A colaboración dos estados membros do ICMPD responde ao obxectivo de abordar a complexidade da migración mediante estratexias coordinadas de gobernos e de organizacións internacionais.

641 lecturas