Igualdade destina 269.000 euros ao programa de asistencia a mulleres inmigrantes vítimas da prostitución

Realízase, por terceiro ano consecutivo, coa colaboración das nove entidades que traballan neste eido en Galicia; Cruz Vermella, os Centros Vagalume e Alumar de Cáritas de Santiago e de Ourense, o Centro O Mencer das Oblatas de Ferrol, Adoratrices de Ourense, a Asociación da Comisión Católica Española de Migración (ACCEM), Médicos del Mundo, a Asociación Ecos do Sur e a Asociación Faraxa.

No cómputo total do periodo 2010-2012, a Xunta destina a este programa un orzamento de 944.000 euros.

Listen to this page using ReadSpeaker
12 de xuño de 2012.

Xunta de Galicia.A Secretaría Xeral da Igualdade vai destinar este ano 269.000 euros ao programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución ou trata con fins de explotación sexual, cofinanciado polo FSE, e desenvolvido coa colaboración de diferentes ONGs e entidades especializadas na asistencia a estas vítimas. Para formalizar esa colaboración, a titular de Igualdade, Susana López Abella, asinou esta mañá os respectivos convenios coas nove entidades participantes, que representan a totalidade das que en Galicia traballan no eido da atención á prostitución. Trátase de Cruz Vermella, os Centros Vagalume e Alumar de Cáritas de Santiago e de Ourense, o Centro O Mencer das Oblatas de Ferrol, Adoratrices de Ourense, a Asociación da Comisión Católica Española de Migración (ACCEM), Médicos del Mundo, a Asociación Ecos do Sur e a Asociación Faraxa.

Co acordo asinado esta mañá, dáse continuidade ao programa iniciado en 2010 para reforzar e ampliar os servizos que cada unha destas entidades xa presta a estas mulleres, con accións de acollemento; atención psicolóxica; formación e orientación laboral; acompañamento no proxecto persoal; atención sociosanitaria ou integración social.

6.173 mulleres asistidas
No cómputo total do periodo 2010-2012, a Xunta destina a este programa un orzamento de 964.000 euros. Nos dous primeiros anos, 2010-2011, ao abeiro desta colaboración as entidades asistiron a un total de 6.173 mulleres en Galicia -2.632 na provincia de Pontevedra, 2.114 na Coruña, 1.069 en Ourense e 358 en Lugo-, para o que dispuxeron dun orzamento de 675.000 euros da Xunta de Galicia.

Este programa está enmarcado no protocolo de actuación institucional asinado pola Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior da Comunidade Autónoma ao obxecto de articular unha liña de actuación conxunta multidisciplinar dirixida a combater a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e dar unha resposta integral e específica ás mulleres inmigrantes que exercen a prostitución en Galicia, vítimas desta problemática.

Segundo o Informe da Ponencia sobre prostitución en España, aprobado polo Congreso dos Deputados no ano 2007, calcúlase que unhas 400.000 mulleres exercen a prostitución, un negocio que move uns 18.000 millóns de euros anuais en España, segundo recoñece a Asociación de propietarios de clubs de alterne. No mundo, aproximadamente uns 4 millóns de mulleres e nenas son compradas e vendidas anualmente, forzadas á prostitución, á escravitude ou ao matrimonio.

O aeroporto de Vigo é unha das zonas con máis tránsito de mulleres vítimas de tráfico procedentes de países suramericanos, para posteriormente ser trasladadas por toda a cornisa cantábrica e mesmo a outros países europeos, segundo revela o Plan integral de loita contra a prostitución e a trata de mulleres con fins de explotación sexual, aprobado polo Goberno central en 2008. Se ben España é utilizada nun grado baixo como país de tránsito, segundo os informes da ONU, é utilizada nun grado alto como país de destino, sendo algún dos principais países de orixe Brasil, Colombia, República Dominicana, Nixeria, Rusia, Ucrania e Romanía.

Unha delegación de Brasil visita Galicia, no Programa Itíneris
Ademais deste programa, a segunda grande liña de actuación da Secretaría Xeral da Igualdade no ámbito da atención ás mulleres prostituídas concrétase no programa internacional Itíneris, no que participan Galicia, Portugal e Brasil co obxectivo de afrontar a trata en orixe, neste caso Brasil, e establecer actuacións coordinadas para protexer os dereitos das persoas inmigrantes sometidas a explotación e trata.

Dentro da axenda de iniciativas de Itíneris, unha delegación brasileira de axentes e institucións especializadas na materia visitará Galicia os vindeiros 18 e 19 de xuño para manter diferentes xuntanzas coa Administración autonómica e as entidades galegas.

935 lecturas