Unha delegación de Brasil, experta na protección dos dereitos das persoas vítimas de trata, visita Galicia no marco do proxecto Itineris

A Xunta ofreceralle unha recepción institucional o día 18, presidida polo conselleiro de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, acompañado pola secretaria xeral da Igualdade, á que tamén asistirán o fiscal superior de Galicia e o comisario xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá de A Coruña.

A participación no proxecto Itíneris resulta de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres inmigrantes vítimas de trata con fins de explotación sexual na comunidade autónoma.

Listen to this page using ReadSpeaker
17 de xuño de 2012.

Xunta de Galicia.Unha delegación de Brasil, integrada por representantes dos departamentos gubernamentais implicados na loita contra a trata de seres humanos, vai visitar Galicia os vindeiros días 18 e 19 no marco do programa internacional Itíneris, no que participa a Xunta de Galicia, xunto aos gobernos de Brasil e Portugal. A Xunta ten previsto ofrecer unha recepción institucional á delegación o luns día 18 en Santiago, na que estarán presentes o conselleiro de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; e o comisario xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá de A Coruña, Silverio Blanco.

O programa Itíneris, que deu comezo o pasado ano, ten como finalidade establecer medidas e actuacións coordinadas entre os tres países participantes para protexer os dereitos das persoas inmigrantes, especialmente no ámbito da explotación e da trata, cunha liña de actuación directa entre os países de orixe e de destino. A participación en Itíneris é de gran interese para Galicia, tendo en conta que Brasil encabeza os países de orixe das mulleres tratadas para fins de explotación sexual na comunidade, xunto a Romanía e Nixeria.

Esta visita ten como obxectivo o intercambio trilateral de experiencias entre Galicia, Portugal e Brasil na identificación de persoas traficadas, protocolos e sistemas de derivación. A delegación brasileira está integrada por preto de 20 profesionais, procedentes da Policía federal; da Secretaría Nacional de Xustiza; da Secretaría de Xustiza dos estados de Pará, Acre, Bahía e Guarulhos; así como dos centros antitráfico de persoas de Sao Paulo, Río de Xaneiro, Ceará, Amazonas e Pernambuco. Complétase cunha representación da Comisión para a Igualdade de Xénero de Portugal e do Centro Internacional para o Desenvolvemento de Políticas Migratorias -ICMPD en inglés- , con sede en Viena (Austria), que é a entidade promotora de Itíneris.

Reunións técnicas en Santiago e Vigo
A axenda da estadía en Galicia, programada pola Secretaría Xeral da Igualdade, inclúe unha sesión técnica trilateral da delegación brasileira coa representación portuguesa e as entidades galegas que traballan na protección e asistencia ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, que será en Santiago o día 18, e unha reunión en Vigo o día 19, na que participarán as fiscalías delegadas de estranxeiría de Galicia e representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Centro Internacional para o Desenvolvemento de Políticas Migratorias
O proxecto Itíneris é unha iniciativa do ICMPD, entidade que ten como obxectivo mellorar e facilitar a cooperación rexional e internacional nas políticas de migración e promover políticas innovadoras, desde a perspectiva dunha migración global e sostible. A colaboración dos estados membros do ICMPD responde ao obxectivo de abordar a complexidade da migración mediante estratexias coordinadas de gobernos e de organizacións internacionais.

838 lecturas