GaliciaAberta incrementou en 2018 nun 31% o seu número de usuarias e usuarios, que supera os 210.000

O portal web da Secretaría Xeral da Emigración recibiu o ano pasado máis de 325.000 visitas, que supoñen preto dun 30% máis ca o anterior.

As redes sociais do departamento do Goberno galego suman máis de 25.000 seguidoras e seguidores en todo o mundo e un incremento de preto do 30% respecto ao exercicio anterior.

A Xunta de Galicia ultima o portal de retorno, que ampliará a atención 24 horas aos emigrantes galegos e galegas e as e os seus descendentes que queiran regresar á súa terra de orixe.

GaliciaAberta - http://emigracion.xunta.gal
GaliciaAberta - http://emigracion.xunta.gal
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2019.

GaliciaAberta, o portal web da Secretaría Xeral da Emigración, incrementou nun 31% o seu número de usuarias e usuarios, que supera xa os 210.000, en 2018. Así o revelan as estatísticas do exercicio que vén de rematar, no que as e os internautas realizaron máis de 325.000 visitas á páxina http://emigracion.xunta.gal, incrementando en máis dun 28% as rexistradas en 2017. Tamén as consultas realizadas a páxinas do portal da Emigración da Xunta de Galicia aumentaron de xeito significativo respecto ao ano anterior, superando as 740.000 páxinas vistas, un 21,9% máis ca nos doce meses previos.

A Arxentina, Venezuela, O Uruguai, México, O Brasil, Estados Unidos, O Reino Unido, Suíza, Perú, Alemaña, Panamá, Francia, Chile, Colombia e Portugal son os quince países do exterior desde os que máis visitas se realizaron ao portal GaliciaAberta. Respecto ás cidades que máis usuarios e usuarias da web da Secretaría Xeral da Emigración rexistraron destacaron Caracas, Bos Aires, Montevideo, Nova York e Cidade de México.

Contidos máis vistos
Os contidos que máis interese espertaron nas persoas usuarias da páxina do departamento do Goberno galego foron os relativos aos diferentes programas da Secretaría Xeral da Emigración, recollidos na Estratexia Retorna 2020, aprobada o 12 de abril do pasado exercicio, e a Estratexia Emigración 2020, que recibiu o luz verde no Consello da Xunta do 12 de xullo. Precisamente dentro da primeira inclúese como unha das apostas máis importantes da Xunta de Galicia de cara ás e aos retornados a creación dunha Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retornado, que contará, ademais de con instalacións atendidas por persoal experto, cun portal web que amplíe a atención a quen regresan á comunidade. A Administración autonómica está a ultimar esta nova ferramenta para as persoas retornadas, que entrará en funcionamento proximamente. 

Cabe resaltar, ademais, a relevancia que acadou a nova publicada no portal acerca de que A Xunta informa do recente desbloqueo das pensións non contributivas para as e os pensionistas retornados de Venezuela, que leron máis de 5.000 persoas, e que tivo un gran impacto tanto nas redes sociais como entre a propia colectividade venezolana asentada en Galicia, a que máis está a medrar nos últimos anos.   

Redes sociais
As redes sociais que ten a Secretaría Xeral da Emigración para divulgar os seus programas e as fases das diferentes convocatorias, así como para promover as diferentes accións que tanto o Goberno galego como a propia colectividade galega no exterior leva a cabo para difundir a cultura, a lingua e a tradición galegas, tamén experimentaron un crecemento durante 2018. As contas de GaliciaAberta en Facebook, Twitter e Instagram superan xa os 25.000 seguidores e seguidoras, o que supón un incremento medio de preto do 30 % no conxunto das plataformas. 

No caso de Facebook, son os mozos e mozas de entre 25 e 45 anos os que máis empregan esta rede social para estar ao día das novas acerca da colectividade galega, tanto a residente no estranxeiro como a da Galicia territorial e as e os que viven noutras comunidades autónomas diferentes á galega. Tamén os usuarios e usuarias de Instagram teñen un perfil moi semellante ao desta plataforma, que conforman o público obxectivo ao que vai especialmente dirixida a Estratexia Retorna 2020. 

697 lecturas