Galicia presenta o seu protocolo pioneiro sobre trata nun seminario internacional

Galicia é pioneira na implantación de dereitos ás vítimas de trata como o permiso de residencia, un período de reflexión en seguridade, ou atención psicolóxica, sempre que colaboren coas autoridades.

O Goberno galego tamén colabora coas ONG que traballan coas vítimas de trata para garantirlles unha atención integral. Ademais de fomentar a colaboración entre todas os axentes implicados na loita contra esta forma de escravitude da sociedade actual.

A Secretaría Xeral da Igualdade foi convidada ao I Seminario Rexional para a Mellora da Cooperación Transnacional nos casos de trata no sur de Europa.

A Secretaría Xeral da Igualdade espera que este seminario sexa un paso adiante no fortalecemento das alianzas existentes entres os actores contra a trata internacional, e un reforzo do compromiso para dar unha resposta harmonizada contra a trata de persoas e a protección ás vítimas.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Igualdade presentou a pasada semana no I Seminario Rexional para a Mellora da Cooperación Transnacional nos casos de trata no sur de Europa (TRM-II) o Protocolo sobre Trata de Seres Humanos con fins de explotación sexual asinado pola Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior de Galicia, que é pioneiro en España.

Neste seminario, co-organizado polo Ministerio de Interior de Hungría no marco da presidencia Húngara de quenda da UE, participaron máis dun centenar de representantes de organizacións gobernamentais, non gobernamentais e organizacións internacionais do sur de Europa e a Unión Europea, se examinaron os resultados dos mecanismos transnacionais existentes para loitar contra a trata de persoas, e se identificaron as formas máis eficaces de cooperación transnacional para encontrar respostas adecuadas e operativas ante os cambios estratéxicos de tendencias na trata de seres humanos.

As actuais investigacións apuntan brechas na cooperación transnacional e marcan como un dos principais desafíos o intercambio de información, así como unha mellor cooperación entre os países de orixe, tránsito e destino. Ademais, o proxecto proporciona ferramentas para simplificar o proceso de asistencia integral, apoio e protección eficaz as vítimas de trata de seres humanos, con especial atención aos menores.

Nese sentido, Galicia foi invitada para presentar o Protocolo sobre Trata de Seres Humanos con fins de explotación sexual, asinado en 2010 pola Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior de Galicia, para axilizar a aplicación dos beneficios de protección recollidos na lexislación española, e que é pioneiro en España.

O proxecto Mellora da Cooperación Transnacional nos casos de trata no sur de Europa (TRM-II), que foi o obxecto do seminario, é executado polo Organismo Internacional de Centro para a Formulación de Políticas Migratorias (CIDPM) e financiado pola entidade Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID).

Na súa intervención a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia lembrou que a trata de seres humanos con fins de explotación sexual é unha forma de escravitude moderna, na que están implicadas redes de carácter internacional que, aproveitando a situación de pobreza e necesidade de moitas mulleres en diferentes países do mundo, enriquécense a costa da súa escravitude ante o xeral desinterese e a indiferenza das administracións públicas, os medios de comunicación e da sociedade en xeral.

Ante esa situación, o goberno galego non mirou para outro lado e asumiu a súa responsabilidade, por iso, xunto coa Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, asinaron este Protocolo co que pretendese afondar na necesaria colaboración entre as administracións implicadas na loita contra a trata e na atención e recuperación das vítimas.

España, e Galicia con ela, é un país de tránsito do tráfico de persoas con fins de explotación sexual, pero tamén é país de destino, que recebe vítimas que veñen fundamentalmente de Latinoamérica e do este de Europa. De feito, entre 2005 e 2008 desarticuláronse en Galicia 59 nove redes que traficaban con persoas con fins de explotación sexual, obtendo algunhas delas beneficios de ata 600.000 euros anuais con este comercio. O número de mulleres identificadas e susceptibles de seren vítimas das redes de explotación sexual, nese mesmo período, son 1.847, téndose detectado no ano 2009 outras 141.

Na súa intervención a secretaria xeral da Igualade sinalou que este Protocolo busca axilizar a aplicación dos beneficios de protección ás mulleres vítimas de trata que colaboren coa xustiza na persecución das mafias que as explotan, e tamén pretende modificar o feito de que a maioría das causas contra redes de explotación sexual acaban arquivadas antes de chegar a xuízo, pola imposibilidade de conseguir a testemuña das propias vítimas, reazas a testificar ante as ameazas e coaccións das mafias.

O Protocolo
Para logralo, as mulleres vítimas dende o momento que sexan identificadas, ben por vontade propia ou pola intervención policial nun local, terán dereito a un período de reflexión, de polo menos un mes, para valorar «con serenidade e seguridade» se colaboran coas autoridades para investigar o delito. Nese tempo, terán dereito a ter aloxamento e alimentación, elas e os menores dependentes, asistencia psicolóxica, médica e xurídica gratuíta e prestarán testemuño en condicións especiais de protección fronte a calquera posibilidade de represalia. E tamén poderán iniciar procedementos para a restitución dos seus dereitos e obtención de indemnización.

Ata agora, un dos principais problemas era o da expulsión inmediata das denunciantes nunha aplicación preferente da lei de estranxeiría, co que se perdían os testemuños cruciais para a culminación do proceso penal contra as redes de explotación. Por iso, agora as vítimas terán dereito a obter un permiso de residencia se existe risco de regresar ao seu país de orixe, ou sé se produce a colaboración cos autoridades xudiciais e fiscais, tras o período de reflexión. E tamén a que se lles facilite o retorno ao seu lugar de orixe en condicións de seguridade e dignidade e aplicando preferentemente e sempre que sexa posible o retorno voluntario, así como o dos seus fillos e fillas menores de idade.

Outro do obxectivos deste protocolo, que explicou a Secretaría Xeral da Igualdade no seminario, era lograr unha boa coordinación entre administracións e forzas e corpos de seguridade. Para iso, reforzouse a comunicación entre os distintos organismos, a través da obrigatoriedade de emitir informes periódicos, sobre a relación de clubs de alterne existentes, as inspeccións realizadas, ou informes sobre as posibles situacións de mulleres en risco de trata, etc.

Outras accións para combater a Trata
Pero ademais da sinatura deste protocolo, a Secretaría Xeral da Igualdade presentou outras das accións que dende a Xunta de Galicia véñense realizando para combater a explotación sexual e para atención e protección ás vítimas desa violación dos dereitos humanos.

Entre elas, as xornadas de traballo con ONG que están a traballar con vítimas de explotación sexual e trata, das que saíron as primeiras medidas de actuacións para combater a explotación sexual e proporcionar atención e protección ás vítimas de trata e explotación sexual, ou a sinatura de convenios con dúas ONG que traballan na atención e recuperación das vítimas de explotación sexual, para implementar dispositivos destinados á atención integral a mulleres vítimas de explotación sexual e trata no que se lles presta acollida, axuda e asistencia directa, procurándolles un apoio na busca de solucións dos conflitos que derivan da súa situación específica.

A secretaria xeral da Igualdade rematou a súa intervención desexando que este seminario sexa un paso adiante no fortalecemento das alianzas existentes entres os actores contra a trata internacional, e un reforzo do compromiso para dar unha resposta harmonizada contra a trata de persoas, e a protección ás vítimas.

1119 lecturas