Galicia e Salvador de Baía establecerán un marco de colaboración estable

É o resultado máis destacado da xuntanza que mantiveron o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo alcalde da cidade brasileira, Antonio de Magalhães Neto.

Miranda entrevistouse ademais co director do Instituto Cervantes na capital baiana, e mesmo animou ao Galícia Sporte Clube no seu encontro da primeira división de fútbol.

  • Imaxe da reunión de Miranda con Antonio Carlos Peixoto de Magalhães Neto, prefeito de Salvador de Baía
    Imaxe da reunión de Miranda con Antonio Carlos Peixoto de Magalhães Neto, prefeito de Salvador de Baía
  • Imaxe do encontro co director do Instituto Cervantes na cidade, Alberto Gascón
    Imaxe do encontro co director do Instituto Cervantes na cidade, Alberto Gascón
  • O secretario xeral da Emigración concluíu a súa axenda en Baía asistindo partido que enfrontou ao Galícia Sporte Clube contra o Bahia F.C
    O secretario xeral da Emigración concluíu a súa axenda en Baía asistindo partido que enfrontou ao Galícia Sporte Clube contra o Bahia F.C
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2016.

Dentro da rolda de contactos coas institucións das localidades e zonas onde residen colectividades galegas significativas, contactos que establece en tódalas súas viaxes o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nesta ocasión visitou ao prefeito (o correspondente brasileiro ao alcalde-presidente) de Salvador de Baía, Antonio Carlos Peixoto de Magalhães Neto.

Na reunión estiveron tamén presentes o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España no Brasil, Pablo Figueroa, e o presidente do CRE (Consello de Residentes Españois) de Brasil, José Vidal, así como membros do gabinete do prefeito.

Co rexedor baiano repasou a actualidade da diáspora galega na cidade brasileira, que conta con case tres millóns de habitantes (unha poboación superior á da Galicia territorial), e na que a comunidade galega é das máis influentes na vida social, cultural, educativa e económica. Miranda e Neto coincidiron na relevancia de estreitar as ligazóns entre ambas beiras do Atlántico, e fortalecer a integración das segundas e terceiras xeracións de galegas e galegos, sen renunciaren á súa orixe.

Miranda e Neto estudaron posibles vías de colaboración, entre os gobernos dos que forman parte, en materias nas que Galicia atesoura importantes prestixio e experiencia, e nos que é referente internacional. Esta colaboración plasmarase en breve nun acordo-marco ao que se poderían ir sumando as iniciativas desenvolvidas por Galicia de interese para a administración baiana.

En concreto, secretario xeral e prefeito coincidiron en sinalar que un dos eidos nos que Salvador pode tirar proveito da bagaxe de Galicia é o da formación en aspectos relacionados co turismo e a súa promoción. Tamén falaron de colaboración para compartir a relevante experiencia galega en materia de recuperación do patrimonio histórico para posta en valor de edificios históricos, co obxecto do seu uso turístico ou mesmo hostaleiro, de maneira que resulten investimentos produtivos; acadando así, unha sinerxia axeitada entre promoción turística, recuperación do patrimonio, servizos á e ao viaxeiro, e retorno do investimento público.

No Cervantes, e co Sporte Clube
Aínda en Baía, o secretario xeral da Emigración, mantivo un novo encontro de traballo co director do Instituto Cervantes na cidade, Alberto Gascón. Ambos mandatarios analizaron o desenvolvemento da ensinanza dos idiomas españois entre as e os estudantes da zona, e mesmo as posibilidades de coordinar accións para a promoción conxunta das culturas galega e española.

Cómpre salientar a relevancia que, en xustiza coa súa importancia histórica, confire o Instituto á pegada das e dos galegos en todo Brasil. Desa pegada é testemuña a doazón de máis de tres mil volumes que fixera Nélida Piñón, egrexia filla de emigrantes galegos, á biblioteca do propio Instituto Cervantes de Salvador de Baía, que desde aquela leva o seu nome. Unha instalación na que, asemade, cobra especial relevancia a Literatura Galega, cunha sección específica.

Finalmente, a axenda de Rodríguez Miranda concluíu nun encontro deportivo da primeira división da liga baiana de fútbol, o partido que enfrontou ao Galícia Sporte Clube contra o Bahia F.C. O primeiro dos equipos, que leva o nome da nosa terra, foi xa tres veces campión nesta categoría.

Remate en Santos
Esta nova viaxe de Rodríguez Miranda ao Brasil remata hoxe xoves en Santos, unha das localidades brasileiras con maior presenza social da colectividade galega, onde manterá unha reunión de traballo coas xuntas directivas da ‘Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro', e do ‘Centro Espanhol e Repatriaçâo’.

1017 lecturas