As galegas retornadas serán prioritarias nos programas de entidades de iniciativa social dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

A Xunta aprobou as bases para a convocatoria deste ano que conta con 1,4M€ de orzamento e co que se financian proxectos de atención personalizada e especializada para mulleres, e que forma parte da Estratexia Galicia Retorna.

Inclúese tamén axudas para recursos integrais específicos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes con fillos ou fillas menores de tres anos.

A contía máxima que pode percibir unha entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro é de 40.000 euros.

A Administración autonómica investiu nesta orde de axudas máis de 13 millóns de euros desde 2009
A Administración autonómica investiu nesta orde de axudas máis de 13 millóns de euros desde 2009
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021.

A Xunta investirá este ano 1,4 millóns de euros nas axudas destinadas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusivo a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. A contía máxima da axuda que se poderá conceder a cada entidade é de 40.000 euros. 

Ao abeiro desta convocatoria, financiaranse programas que inclúan recursos integrais específicos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes con fillos ou fillas menores de tres anos dirixidos a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva, co fin de evitar que unha situación desexable poida converterse nun factor de exclusión. 

Cabe recordar que as mulleres retornadas teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade. 

Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade tamén financiará iniciativas de atención personalizada e especializada para aquelas mulleres pertencentes aos colectivos expostos. Neste caso, o programa debe prever actuacións personalizadas como atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoais e sociais ou apoio e orientación laboral. 

O proxecto, ademais, debe ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades como elemento básico da atención especializada que deben recibir as mulleres en situación de vulnerabilidade pertencentes ao colectivo ou colectivos a que se dirixe, co obxecto de mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais de cara á súa integración en termos de igualdade. Un dos obxectivos principais da medida é, ademais da atención personalizada a estes colectivos, a mellora da súa empregabilidade. 

O período de referencia para o desenvolvemento do programa e para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos os dous incluídos. 

O ano pasado recibiron axuda un total de 74 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro. A Administración autonómica investiu nesta orde de axudas máis de 13 millóns de euros desde 2009, o que permitiu o apoio a 682 programas.

742 lecturas