A Xunta colaborará con 36 entidades para poñer en marcha programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre as que inclúe especificamente as emigrantes retornadas

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a resolución desta convocatoria de axudas destinada a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro.

O orzamento ascende a preto de 910.000 euros.

Financiaranse programas de atención integral que inclúan servizos de orientación, atención psicolóxica ou asesoramento xurídico.

Este programa está comprendido dentro do máis de medio cento de medidas que conforman a Estratexia Retorna 2020
Este programa está comprendido dentro do máis de medio cento de medidas que conforman a Estratexia Retorna 2020
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2019.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para que desenvolvan programas integrais de atención dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre as que a Xunta inclúe especificamente as emigrantes retornadas. En total, nesta convocatoria resultaron beneficiarias un total de 36 entidades.

O orzamento para este ano ascende a preto de 910.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. 

Os programas que se financiarán ao abeiro destas axudas teñen como obxectivo fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e persoal. 

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade, ademais das emigrantes retornadas, as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancia tóxicas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións; reclusas ou ex-reclusas; transexuais ou con conflitos de identidade de sexo; con discapacidade ou enfermidade mental; maiores ou viúvas; sen fogar; ou desempregadas de longa duración. 

Os programas que se financian poden ser de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos. 

Estas actuacións inclúen, entre outros recursos, servizos de orientación e información, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, ou actividades para adquisición de habilidades persoais e sociais básicas. 

717 lecturas