A Xunta amplía ás emigrantes retornadas as axudas a programas de entidades de iniciativa social para mulleres en situación de especial vulnerabilidade
O orzamento para este ano ascende a 910.000 euros.
Financiaranse programas de atención integral que inclúan servizos de orientación, atención psicolóxica ou asesoramento xurídico.

A Xunta abriu a convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para que desenvolvan programas integrais de atención dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre as que o Goberno galego inclúe ás emigrantes retornadas como colectivo específico. O orzamento para este ano ascende a 910.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.
Estes programas teñen como obxectivo fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e persoal.
Terán consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade, ademais das emigrantes retornadas, as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancia tóxicas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións; reclusas ou ex-reclusas; transexuais ou con conflitos de identidade de sexo; con discapacidade ou enfermidade mental; maiores ou viúvas; sen fogar; ou desempregadas de longa duración.
Con fillas ou fillos menores ou sen eles
Os programas a financiar serán de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.
As actuacións que se deberán desenvolver no marco destes programas inclúen servizos de orientación e información, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, ou actividades para adquisición de habilidades persoais e sociais básicas.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para presentar as solicitudes rematará o próximo 26 de febreiro.
Novas relacionadas