Galegas e galegos do exterior que retornan ao territorio dispoñen de axudas de ata 8.000 euros para crear a súa empresa

O prazo de solicitude está aberto ata o 29 de setembro.

Son subvencións que xa deron pulo ata o de agora a 51 iniciativas, e para as que este ano se teñen xa presentado 21 solicitudes.

Esta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración complementa, sen excluílas, as axudas para emprendedores e emprendedoras doutros departamentos autonómicos e doutras institucións públicas e privadas.

Axudas 2017 para o retorno emprendedor
Axudas 2017 para o retorno emprendedor
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2017.

Un total de 21 son as solicitudes que se teñen xa presentado ata o momento para a convocatoria deste ano 2017 das subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega por parte das persoas retornadas. A finalidade destas axudas é promover esta volta á terra “subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como membros traballadores en sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado”.

Para o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “estas axudas supoñen unha tripla vantaxe para a sociedade galega no seu conxunto. A primeira, é que cumprimos o mandato estatutario, que obriga ás institucións galegas a axudar e fomentar que os galegos da diáspora regresen á terra. A segunda, que moitos e moitas destes emprendedores traen a Galicia uns coñecementos, experiencia, e modos empresariais, innovadores e competitivos. E a terceira e máis importante, que mercé a estas empresas e negocios, créanse novos postos de traballo e aséntanse no territorio novas iniciativas emprendedoras, con recursos humanos e económicos que ata o de agora se gardaban ou movían no Exterior”.

Esta convocatoria ten dado pulo a 51 empresas desde a súa posta en marcha, e a súa concesión complementa, sen excluílas, as axudas doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou o IGAPE, para autonomos e autónomas e emprendedoras galegos e galegas, residan onde residan. Tamén son perfectamente compatibles coas que convoquen outras institucións e organismos, públicos e privados.

Algúns exemplos
Entre os negocios que se teñen posto en marcha impulsados por estas axudas atópanse unha academia de idiomas, diversas distribuidoras en liña, un obradoiro de restauración, unha clínica dental, unha tenda delicatessen física e en liña, un proxecto de agricultura ecolóxica, unha tenda especializada en té, varias asesorías especializadas, ou un local de restauración con ludoteca para nenas e nenos, entre moitas outras iniciativas.

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento do negocio, sendo obxecto de subvención para as e os destinatarios os gastos de notaría e rexistro, tributos, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de vendas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e/ou internet).

A contía tope da axuda é de 8.000 euros por iniciativa de emprego ou autoemprego, e para acollerse cómpre, entre outros requisitos, ter a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dado de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que corresponda.

Das 17 subvencións concedidas na convocatoria do pasado ano 2016 deste programa, os beneficiarios e beneficiarias tiñan anterior residencia en Venezuela, Alemaña, Arxentina, Brasil, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Irlanda, Reino Unido, e Suíza. Dos negocios implantados, 9 teñen sede na provincia da Coruña, 5 na de Ourense, 2 en Lugo e 1 en Pontevedra.

1016 lecturas