As axudas de Emigración para o fomento da creación de empresas e emprego por parte de persoas retornadas beneficiaron a outras 17 iniciativas en 2016

As subvencións para o retorno emprendedor levan beneficiado xa a máis de medio centenar de autónomas e autónomos desde a súa posta en marcha.

O departamento que dirixe Rodríguez Miranda incentiva o retorno con esta e dúas liñas máis de actuación, cuxo investimento global ascende a 850.000 euros.

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración
Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2017.

A Secretaría Xeral da Emigración concedeu un total de dezasete subvencións durante o ano 2016 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Galicia territorial por parte das persoas galegas retornadas. A todas estas empresas –xa en funcionamento- fóiselles comunicada a concesión destas axudas, e liberados os fondos correspondentes, antes do remate do exercicio orzamentario, en canto foi presentada a documentación correspondente, de maneira que estivesen canto antes a disposición das e dos beneficiarios os cartos concedidos.

A finalidade destas axudas é promover o retorno das persoas galegas emigrantes “subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como membros traballadores en sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado”, segundo o texto regulador das subvencións que, no caso da convocatoria deste 2017, está previsto publicar nas vindeiras semanas.

Estas axudas supoñen unha tripla vantaxe para a sociedade galega no seu conxunto. A primeira -cumprindo o mandato do Estatuto de Autonomía de Galicia-, e axudar e fomentar que as galegas e os galegos da diáspora regresen á terra. A segunda, que moitos e moitas destes emprendedores traian a Galicia coñecementos, experiencia, e modos empresariais innovadores e competitivos. E a terceira, e a máis relevante socialmente, crear novos postos de traballo e asentar no territorio novas iniciativas emprendedoras, con recursos humanos e económicos que ata o de agora se gardaba ou movían no Exterior.

Compatibles
Mercé a esta convocatoria, Emigración axudou o pasado ano a dezasete iniciativas de persoas retornadas emprendedoras a poñerse en marcha. Cómpre salientar que estas subvencións complementan, sen excluílas, as axudas doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou o IGAPE, para autónomas e autónomos e emprendedores galegos e galegas, residan onde residan. Tamén son perfectamente compatibles coas que convoquen outras institucións e organismos, públicos e privados.

Ao longo dos catro exercicios en que leva desenvolvéndose encetaron o seu negocio máis de medio centenar de emprendedoras e emprendedores. Entre outros, abriron as súas portas empresas como obradoiros de restauración, clínicas dentais, academias de idiomas, tendas delicatessen físicas e en liña, proxectos e comercios de agricultura ecolóxica, asesorías especializadas, ou un local de restauración con ludoteca para nenos, entre moitas outras iniciativas.

Das 17 solicitudes concedidas en 2016 no programa para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Galicia territorial por parte de persoas galegas retornadas, 10 das beneficiarias tiñan anterior residencia en América (5 en Venezuela, 3 na Arxentina, 1 no Brasil e 1 nos Estados Unidos) e as outras 7 en Europa (2 no Reino Unido e 1 en Suíza, Francia, Alemaña, Irlanda e Dinamarca). Por lugar onde foron dados de alta as empresas, 10 delas fixérono na provincia da Coruña (4 en Santiago, 3 na cidade herculina, 1 en Narón, 1 en Carnota e 1 en Santa Comba), 4 na de Ourense (todas na capital da provincia, nun caso con sé compartida no Carballiño), 2 en Pontevedra (1 en Vigo e 1 na Estrada), e 1 en Lugo (na capital provincial).

Galicia medra
En palabras do secretario xeral da Emigración, “esta diversidade, tanto na procedencia e destino dos beneficiarios, coma do tipo de empresa emprendida, demostra que o desexo de retorno á terra é compartido por tódolos galegos e galegas do Exterior. O seu acervo profesional é un activo importantísimo que a Galicia territorial debe preservar e aproveitar”.

Para Rodríguez Miranda, “coa volta destes emprendedores, a Galicia territorial medra en moitos sentidos: aumenta a poboación polo retorno dos galegos residentes fóra do territorio, créanse novos postos de traballo, retornan tamén os capitais que doutro xeito se mobilizarían nas economías doutros países, e aquí, na terra, aproveitamos a experiencia e bo facer de empresarios que, nalgúns casos, xa emprenderan con éxito na diáspora”.

As axudas da Secretaría Xeral da Emigración subvencionan os gastos que leva consigo o establecemento do negocio impulsado por persoas galegas emigrantes retornadas, sendo obxecto de subvención para as e os destinatarios os gastos de notaría e rexistro, taxas, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, luz, telefonía e/ou internet).

Dúas liñas máis
Ademais das axudas ao retorno emprendedor, a Secretaría Xeral da Emigración pon en marcha neste ano 2017 as bolsas específicas para captar á mocidade galega no Exterior mellor formada, e fomentar o seu retorno á Galicia territorial: as “Bolsas de excelencia para a mocidade no Exterior”, que xestionará Emigración en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as universidades galegas, e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, queren atraer cada ano a galegas e galegos que viven fóra para que rematen aquí a súa formación, traballen en Galicia e fixen definitivamente a súa residencia no territorio galego.

Esta nova medida captará para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego, con especial atención aos estudos relacionados co sector primario. Trátase da principal novidade no orzamento para 2017 da Secretaría Xeral da Emigración, e nela se inviste integramente o incremento do mesmo: 500.000 euros.

Finalmente, o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda non esquece a aquelas persoas que, por diversas causas vitais, requiren unha actuación máis dinámica e veloz por parte da Administración autonómica. Así, Emigración fai un acompañamento urxente a quen o necesita a través das “Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas” (cun so pago único por persoa retornada), destinadas a facer fronte a aquelas causas sobrevidas derivadas do retorno e que requiren dunha atención social perentoria. Para esta liña de actuación destínanse este ano nos orzamentos da Secretaría 200.000 euros.

En imaxes
1553 lecturas