Feijóo subliña “a amplitude de miras e a tolerancia dos galegos”, que fan máis doado “desenvolverse no mundo global”

O mandatario autonómico asiste en Barcelona a entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2013 que concede a Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña (AEGA-CAT).

Destaca a “misión cumprida” polas empresarias e os empresarios galegos en Cataluña durante 24 anos, potenciando negocios, impulsando o investimento en Galicia, recuperando e transmitindo a galeguidade e fomentando o coñecemento da empresa galega en Cataluña.

Salienta que a Xunta acompaña o esforzo das empresarias e dos empresarios con decisións concretas como as recollidas na Lei do Emprendemento, a Unidade Galicia Emprende, o impulso á internacionalización das marcas ou os convenios co empresariado no exterior.

Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 5 de xullo de 2013.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe “a amplitude de miras e a tolerancia dos galegos”, que fan máis doado “desenvolverse no mundo global”. Así o dixo o titular do Goberno autonómico en Barcelona, durante a entrega dos Títulos de Excelencia Galega 2013 que concede a Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña (AEGA-CAT), e que nesta edición distinguiron ao xornalista Lois Caeiro, ao conselleiro delegado do Banco Sabadell, Jaime Guardiola, ao catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona Antón Costa, ao xogador de baloncesto Fernando Romay, ao político Francisco Vázquez e ao empresario Ramiro Carregal.

O titular da Xunta destacou que a Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña leva 24 anos traballando para potenciar as oportunidades de negocio, para impulsar o investimento en Galicia, para recuperar e transmitir a galeguidade e para fomentar o coñecemento da empresa galega en Cataluña. “Misión cumprida”, díxolles.

Valorou Alberto Núñez Feijóo a vontade das empresarias e dos empresarios galegos de seguir traballando e expresou o compromiso da Xunta de acompañalos con “decisións concretas” como as recollidas na Lei do Emprendemento, a Unidade Galicia Emprende, o impulso á internacionalización das marcas ou os convenios co empresariado no exterior.

1209 lecturas