Feijóo solicita ao Goberno de España os cambios normativos necesarios para eliminar os atrancos que dificultan a integración das persoas retornadas

O presidente da Xunta de Galicia enviou unha carta a José Luis Escrivá co obxectivo de trasladarlle o acordo aprobado no Parlamento galego en prol da posta en marcha polo Executivo central de medidas que favorezan a este colectivo.

Expón a necesidade de cambios en materia de homologación de títulos universitarios, permisos de residencia de familiares sen nacionalidade, acceso á vivenda e diminución de desigualdades fiscais.

Galicia ofrece ao Estado leal colaboración poñendo a disposición a súa experiencia de traballo no ámbito do retorno, e solicita o financiamento axeitado para este fin.

O presidente do Goberno galego, durante a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta desta semana
O presidente do Goberno galego, durante a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta desta semana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2021.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, enviou esta semana unha carta ao ministro de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, José Luis Escrivá, co obxectivo de trasladarlle o acordo aprobado no Parlamento galego en prol da posta en marcha por parte do Goberno central de medidas que favorezan a integración persoal e familiar das persoas retornadas, así como o proceso de retorno á comunidade autónoma.

Nesta misiva, Feijóo infórmalle ao responsable de migracións da aprobación no último Debate sobre o Estado da Autonomía, celebrado no Parlamento de Galicia a finais do mes de outubro, dun acordo para esixir ao Goberno de España a eliminación dos atrancos que dificultan o retorno, como poden ser a introdución de plans estatais específicos de acceso á vivenda; a axilización do procedemento de homologación de títulos universitarios obtidos no exterior; a redución dos trámites e a axilización das concesións de permisos de residencia e traballo ás e aos cónxuxes e descendentes sen nacionalidade; e a eliminación das desigualdades coas que a lexislación fiscal estatal grava ás e aos emigrantes e aos retornados e retornadas. 

Neste acordo tamén se recolle a petición da mellora da información e dos criterios de aplicación da AEAT; así como a dotación do financiamento apropiado ás comunidades autónomas para que poidan mellorar as medidas que teñan en marcha, co obxecto de que  complementen “o escaso labor” do Goberno de España.

Segundo se argumenta no acordo parlamentario, a toma destas medidas permitiría garantir o dereito ao retorno para os españois e españolas no exterior e ás e aos seus descendentes, “o que enriquecería a nosa sociedade e faríala máis aberta, plural e competitiva”.  

O presidente da Xunta recordou ao ministro Escrivá que o Goberno autonómico está a traballar de “xeito decidido” no regreso da colectividade do exterior grazas a unha Estratexia Galega de Retorno, iniciada en 2018, e que facilitou o retorno de 22.000 galegas e galegos que viven noutros países coa aplicación de 64 medidas e un importante esforzo orzamentario, “o que permitiu que Galicia sexa un referente en atracción e consolidación do retorno”, valorou.

Ademais, avanzoulle que o Goberno de Galicia continuará a traballar neste senso cunha nova estratexia de retorno para os próximos catro anos, “porque a nosa historia, o noso compromiso e esforzo por manter os vínculos con todos aqueles compatriotas que residen en calquera parte do mundo, permitiunos anticiparnos e comprobar que o retorno é máis que un dereito”, salienta Núñez Feijóo na misiva. 

“É unha oportunidade que a nosa historia nos ofrece para superar o complexo reto demográfico que ten por diante o noso país, ademais da inigualable vantaxe competitiva que supón a incorporación á nosa sociedade de persoas que aportan toda a súa experiencia e formación ás nosas empresas e universidades”, esgrime o máximo mandatario galego.

Con esta carta, o presidente da Xunta de Galicia quere deixar constancia de que a plena integración das familias retornadas depende tamén dun “compromiso real” por parte do Goberno central con políticas activas e a eliminación de moitas das barreiras que “dificultan enormemente” a súa integración social e laboral. “Se non existe un compromiso real para actuar sobre todas esas áreas por parte do Goberno de España, todo o esforzo de Galicia non será suficiente”, advirte.

Feijóo finaliza solicitando que ese proxecto inclúa a todas as comunidades autónomas para que “todos os españois que así o desexen, poidan vivir e traballar na súa terra”. Para acadar este obxectivo, o presidente da Xunta ofrece nesta carta “leal colaboración e a experiencia”, alcanzadas nestes 40 anos “de infatigable traballo por manter firmes os lazos que unen os emigrantes galegos e os seus descendentes coa terra”.

1026 lecturas