Miranda plantexa o retorno como unha oportunidade para superar o reto demográfico, e pide a implicación do Goberno español
O secretario xeral da Emigración expuxo a experiencia que está a iniciar Galicia a través da Estratexia Retorna 2020.
Insistiu na necesidade de revisar o sistema de voto no exterior e a concesión da nacionalidade española.
O responsable autonómico galego retirou a urxencia de que o Goberno do Estado busque unha solución para as e os pensionistas de Venezuela que non reciben ingresos do Goberno do seu país.
- O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
- Na imaxe, o secretario xeral da Emigración coas e cos consejeros de orixe galega do CGCEE dos distintos países do mundo
- O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
- O secretario xeral da Emigración interveu hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, salientou hoxe no pleno do Consejo General de la Ciudadanía Española en el Exterior (CGCEE), que arrancou onte en Madrid, a importancia que o retorno ten para España á hora de superar o complexo reto demográfico ao que se enfronta. A oportunidade que representan os dous millóns e medio de españois e españolas que residen fóra das nosas fronteiras nestes momentos, dos que máis dun millón teñen menos de 45 anos, precisa de políticas orientadas a facilitar o seu regreso a través de medidas que, como a Estratexia Retorna 2020, aprobada o pasado mes de abril polo Goberno galego, aborden a cuestión desde todos os eixos. A educación, o acceso ao mercado laboral e ao emprendemento, as oportunidades profesionais, as necesidades básicas para facer fronte aos primeiros gastos derivados da volta, o acceso á vivenda e a recuperación do talento investigador son as áreas que pretende satisfacer o documento deseñado pola Xunta de Galicia e artellado a través de máis de medio cento de medidas.
“A práctica totalidade destas iniciativas son facilmente exportables a outros ámbitos da xeografía española, pero para lograr os seus obxectivos (o retorno de máis de 20.000 galegos, dos que 12.000 se pretende que sexan menores de 45 anos ata o 2020, no caso da comunidade galega) é imprescindible a colaboración da Administración estatal, coa que xa se mantiveron varias reunións de cara a unha necesaria cooperación”, sinalou Miranda. “O labor de información e asesoramento ás cada vez máis numerosas parellas mixtas, formadas por un galego ou descendente de galego retornado e un estranxeiro sen nacionalidade española é un dos puntos clave á hora de planificar o regreso dos españois do exterior á súa terra de orixe”, engadiu o responsable galego.
Revisións necesarias
A revisión do sistema electoral para as cidadás e os cidadáns españois no exterior centrou o segundo eixo en torno ao que xirou a intervención de Antonio Rodríguez Miranda, quen insistiu na necesidade de eliminar o voto rogado para os electores e electoras residentes no estranxeiro nos procesos electorais no Estado español, nos que teñen dereito a participar. “A postura de Galicia está clara, tena explicitamente manifestada o propio presidente da Xunta dentro e fóra da comunidade de xeito reiterado, e é o mandato manifestado polo Parlamento de Galicia e que traslado aos representantes dos españois no exterior”, afirmou o representante autonómico.
O secretario xeral da Emigración puxo o foco, así mesmo, na necesidade de revisar a normativa para modificar aqueles supostos en que, como consecuencia da aplicación da Lei de Memoria Histórica, se produciu unha situación de discriminación ou agravio comparativo no acceso á nacionalidade, nomeadamente os casos de descendentes de españois e españolas que non puideron acceder á nacionalidade por motivo de xénero ou idade, resume a proposta apoiada polo responsable galego.
Miranda urxiu, ademais, ao Goberno central a buscar unha solución para as e os pensionistas que levan preto de tres anos sen percibir a pensión do Goberno venezolano que lles corresponde. O responsable autonómico demandou ao Estado que “flexibilice o acceso ás pensións non contributivas, tendo en conta os ingresos realmente recibidos, e non o dereito a unha pensión que non se fai efectiva, doutrina esta xa reiterada polas sentenzas dos distintos xulgados e tribunais”. “Ademais, coa eliminación do tipo protexido DIPRO e o establecemento como sistema cambiario único ao tipo de flotación DICOM, as pensións pasan a ser de non máis de 50 euros”, concluíu.
Novas relacionadas