Feijóo asegura que as relacións comerciais entre Galicia e Arxentina “están blindadas” pola seguridade xurídica e o estado de dereito español e lanza unha mensaxe de “apoio e confianza” ao empresariado

O presidente da Xunta constata a eficacia da oficina PEXGA en Buenos Aires, xa que máis de 200 emprendedores e emprendedoras buscaron a través dela oportunidades de negocio en Arxentina.

Recoñece o peso dos empresarios galegos e españois en Arxentina e destaca o seu potencial futuro en sectores como a asesoría, a tecnoloxía, a automoción e o téxtil.

Aproveita a súa estadía en Buenos Aires para visitar a colectividade galega, a máis numerosa, ao superar os 140.000 os galegos e galegas residentes en Arxentina.

Explicou que a Xunta “cumprirá coas súa obrigas” no que respecta ao Hospital do Centro Gallego e que está a buscar fórmulas “para pagar a débeda que nos deixaron na anterior lexislatura”.

  • Feijóo coa colectividade galega, no Centro Galicia de Buenos Aires.
    Feijóo coa colectividade galega, no Centro Galicia de Buenos Aires.
  • Feijóo no acto da Plataforma Empresarial Pexga en Bos Aires.
    Feijóo no acto da Plataforma Empresarial Pexga en Bos Aires.
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (Arxentina), 15 de xullo de 2012.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, enviou unha mensaxe de tranquilidade e seguridade para o empresariado galego e español xa que, segundo explicou, as relacións comerciais de Galicia e España coa Arxentina “están blindadas coa seguridade xurídica e co estado de dereito español”. Así o manifestou o xefe do Goberno galego onte na capital arxentina (esta madrugada en Galicia), logo do acto empresarial da Plataforma Empresarial de Galicia en Buenos Aires (Pexga), no que participou a Asociación de Empresarios Gallegos no país.

Feijóo quixo insistir, en primeiro lugar, no “apoio inequívoco” tanto por parte da Xunta de Galicia como do Goberno de España ás e aos inversores españois no país austral para que “o sigan facendo” e, en segundo lugar, subliñou a súa “confianza” de “entre todos voltar outra vez a unha senda de seguridade e de certidume porque é bo para os nosos países”. Segundo dixo, as inquedanzas do empresariado español “como calquera outro de calquera lugar do mundo” son dispoñer de “seguridade xurídica, certeza e poder seguir traballando e consolidando as súas empresas”. “Arxentina e España son países cunha relación secular, cunha amizade permanente e cunha relación non soamente de confianza e de afinidade, senón de consaguinidade”, afirmou.

Nos encontros de carácter económico da súa axenda, o presidente da Xunta puxo en valor o peso das emresarias e empresarios galegos e españois en Arxentina e destacou o seu potencial futuro no país en sectores como a tecnoloxía, as enerxías renovables ou o téxtil.

Nas súas declaracións, o titular da Xunta insistiu no interese de Galicia no mercado arxentino, onde están presentes actualmente preto dun cento de empresas galegas e subliñou a eficacia da oficina da rede Pexga en Buenos Aires, que en menos dun ano en funcionamento prestou servizo e asesoramento a ao redor de 200 emprendedores con interese en internacionalizar os seus negocios no país.

A xuízo do mandatario galego Galicia ten un gran potencial en Arxentina e, á súa vez, “Arxentina é un país dinámico, un país que necesita empresas especializadas en tecnoloxía, en asesoramento, e en informática”. Amosouse convencido de que “hai posibilidades de negocio”, sobre todo nos sectores da asesoría, da tecnoloxía, do téxtil e da automoción, nos que xa existen contratos en marcha. Aínda que destacou tamén a calidade do empresariado galego noutros eidos como a hostalería e a construción.

O presidente da Xunta lembrou ademais que as exportacións galegas “están no mellor momento da súa historia” e que “a nosa balanza comercial é a segunda mellor de todas as comunidades autónomas”. Por iso incidiu na necesidade de seguir explorando esta vía xa que “a exportación é unha ferramenta para saír da crise e é unha ferramenta que Galicia está aproveitando”, dixo.

Hospital
Dentro da axenda institucional Alberto Núñez Feijóo reuniuse coa presidenta do Centro Gallego de Buenos Aires, á que lle transmitiu que a Xunta “vai cumprir coas súas obrigas” e que se está a traballar na busca “dunha fórmula” para “pagar a débeda que nos deixaron na lexislatura anterior”. En concreto, respecto ao Hospital, asegurou que o Goberno galego “non se vai apartar das súas obrigas e cumprirá a parte que lle corresponde”, aínda que matizou que “os hospitais teñen que ser viables económica e finaceiramente”. “Espero e desexo unha boa xerencia e unha boa xestión do hospital, porque xestionar un hospital sempre é moi difícil. É a organización máis difícil de xestionar desde o punto de vista do sector público”, recoñeceu.

Encontro coa colectividade
O mandatario autonómico aproveitou a súa estadía en Buenos Aires para visitar a colectividade galega, formada por 140.000 galegos, a quen lles transmitiu “o noso afecto, a nosa determinación e o noso compromiso coa emigración”.

Non obstante, na súa intervención Feijóo deulles conta da actual situación de dificultades porque, dixo, “os cidadáns teñen un dereito, que é coñecer a verdadeira situación do seu país”. A este respecto demandoulles un “esforzo” porque “o voso país e a vosa nación o necesitan” e comprometeuse tamén “a que teñades o esforzo da vosa nación, para que vos sigades sentido orgullosos de ser españois aló onde vaiades”. “Os nosos maiores son a referencia de cómo Galicia e cómo España saíu dun momento económico da súa historia moi difícil, e cómo foi capaz de mellorar para converterse nunha das principais potencias do mundo. E agora, outra vez, volvedes a ser a referencia”, sentenciou o presidente da Xunta.

Así mesmo, lembrou que o próximo 25 de xullo é o Día de Galicia “o día de todos os galegos e, polo tanto, tamén de todos vos”. Por último Feijóo sinalou que “Galicia sigue traballando, está en marcha, que Galicia é un gran proxecto colectivo, que é un lugar especial no mundo”.

813 lecturas