Feijóo inaugura en Nova York a exposición ‘Os Adeuses’, “unha homenaxe á epopea de millóns de galegos”

Salienta que a xeografía sentimental das galegas e os galegos sitúanos moi preto de América e fai de Galicia un territorio americano máis.

Subliña que a emigración galega ten un aspecto tráxico e outro que se refire á capacidade de superación dun pobo, a súa solidariedade, a súa capacidade en suma para cambiar o destino ao que parecía condenado.

O xefe do Goberno galego finalizará a súa viaxe institucional aos Estados Unidos cun encontro coa colectividade galega de Nova York.

  • O presidente da Xunta realizou un percorrido pola exposición do Consello da Cultura Galega ‘Os Adeuses’, no Museo da Inmigración de Nova York
    O presidente da Xunta realizou un percorrido pola exposición do Consello da Cultura Galega ‘Os Adeuses’, no Museo da Inmigración de Nova York
  • Imaxe do encontro do presidente da Xunta de Galicia coa colectividade galega na Casa Galicia de Nova York
    Imaxe do encontro do presidente da Xunta de Galicia coa colectividade galega na Casa Galicia de Nova York
  • Imaxe do encontro do presidente da Xunta de Galicia coa colectividade galega na Casa Galicia de Nova York
    Imaxe do encontro do presidente da Xunta de Galicia coa colectividade galega na Casa Galicia de Nova York
Intervención do presidente da Xunta de Galicia na inauguración de "Os Adeuses" en Nova York
Listen to this page using ReadSpeaker
Nova York, 9 de febreiro de 2019.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a exposición Os Adeuses é “unha homenaxe á epopea de millóns de galegos”. Ademais, engadiu, debe representar un recoñecemento á xenerosidade da nación americana.

O titular do Goberno galego destacou que a Galicia da que se despedían con bágoas as e os emigrantes anónimos que rescata esta exposición do Consello da Cultura Galega transformouse nunha terra puxante onde nacen e se establecen empresas multinacionais e se desenvolven grandes proxectos tecnolóxicos.

Así, o presidente da Xunta subliñou durante a súa intervención o cambio que experimentou a nosa Comunidade e afirmou que aquela Galicia é hoxe unha comunidade plenamente democrática dentro dunha España plural que garante todas as liberdades. Feijóo destacou a achega das e dos emigrantes neste cambio tanto material –como proba que en calquera recuncho de Galicia haxa unha escola, unha fonte, un monumento, que se construíron grazas á súa filantropía—como o aporte inmaterial, que considera máis decisivo e que consistiu nun novo orgullo de pertenza. “Grazas ás novas dos seus parentes de ultramar, Galicia comezou a sentirse un pobo capaz de afrontar empresas ambiciosas”, afirmou.

Segundo manifestou Feijóo, o factor que explica ese cambio experimentado pola nosa Comunidade é a liberdade e destaca que bastou que Galicia recuperara as liberdades políticas e económicas para despregar un potencial que só se manifestaba na diáspora. E aseverou que quizais, nesta mostra de 73 fotografías do fotógrafo coruñés Alberto Martí, hai unha lección que transcende o ámbito galego para converterse en ensinanza universal. “Non hai ningún pobo que non sexa apto para a liberdade e o progreso”, destacou.

O presidente da Xunta salientou deste xeito que a xeografía sentimental dos galegos e as galegas sitúanos moi preto de América e fai de Galicia un territorio americano máis. Feijóo concluíu dicindo que a e o galego soubo ser de aquí sen deixar de ser de alá e que a súa idea plural da pertenza e a identidade permitíronlle sentirse na casa tamén en Queens, en Cherry Street ou nos barrios cercanos ao Brooklyn Bridge. E destacou que a Galicia defínena os camiños: un terrestre, o de Santiago, que nos une a Europa; e un marítimo, que nos une a América.

Nesta liña, subliñou que a emigración galega ten un aspecto tráxico e outro que se refire á capacidade de superación dun pobo, a súa solidariedade, a súa capacidade, en suma, para cambiar o destino ao que parecía condenado.

Encontro coa colectividade galega
Tras o percorrido pola exposición Os Adeuses, o presidente da Xunta finalizará a súa viaxe institucional aos Estados Unidos cun encontro coa colectividade galega de Nova York, que terá lugar na Casa de Galicia.

Na súa alocución, Feijóo destacará que as colectividades galegas no exterior son exemplos de cooperación e unión para conseguir que, aínda estando lonxe, esteamos xuntas e xuntos. Ademais, subliñará que as casas de Galicia non só reúnen ás colectividades de galegas e galegos e abren un oco para as nosas tradicións nun país multicultural como os Estados Unidos, senón que tamén son depositarias dos valores de Galicia que, precisou, son os valores do mundo moderno, libre e democrático.

  • Audio: o presidente da Xunta de Galicia, na inauguración de Os Adeuses | Descargar
179 lecturas