Feijóo expresa a fonda preocupación da Xunta pola desaparición do Códice Calixtino e ofrece axuda na investigación

O Presidente galego remarca o “enorme valor” que ten o Códice desde o punto de vista “do patrimonio de Galicia, do patrimonio de España e do patrimonio da Humanidade”.

“Esperamos e desexamos que as investigacións da Policía conclúan con éxito e esperamos que este éxito o poidamos acadar no menor tempo posible”, asegura.

Chama a traballar “con calma, sen especulacións e con determinación” para atopar “esa peza inigualable do patrimonio histórico de Galicia”.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, manifestou na mañá de onte a preocupación do Executivo autonómico pola desaparición do Códice Calixtino e ofreceu a colaboración e axuda do Goberno galego “na investigación e na resolución desta investigación”.

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo remarcou a preocupación “a nivel político e a nivel persoal, de todos os membros do Goberno, conscientes –dixo-, do enorme valor que ten este Códice tanto desde o punto de vista histórico como desde o punto de vista do patrimonio de Galicia, do patrimonio de España e do patrimonio da Humanidade”.

“Esperamos e desexamos que as investigacións da Policía conclúan con éxito e esperamos que este éxito o poidamos acadar no menor tempo posible”, aseverou o máximo mandatario galego sinalando que están en contacto “coas autoridades relixiosas e cos responsables da investigación para contribuír, na medida de todas as posibilidades que poida ter o Goberno da Xunta de Galicia, a axudar na investigación e na resolución desta investigación”.

“Lamentamos este feito e, por suposto, agora o que toca é traballar, traballar con calma e sen especulacións e con determinación ata atopar esa peza inigualable do patrimonio histórico de Galicia, de España e da Humanidade”, concluíu Feijóo.

1019 lecturas