Feijóo destaca que a emigración galega comparte con Frei Rosendo Salvado a capacidade para “combinar identidades” e lograr o “enraizamento” nos países de acollida

O presidente da Xunta clausurou o simposio internacional “Da civilización á cultura. Rosendo Salvado e o mundo aborixe”, organizado polo Consello da Cultura Galega.

Subliña que as galegas e os galegos teñen a característica “primordial de non estar nun sitio, senón de ser dese sitio” ao identificarse co pobo de acollida e impregnarse da súa idiosincrasia, como fixo Frei Rosendo cos e coas aborixes.

“A nosa xente exhibe unha capacidade asombrosa para combinar identidades, para ser de aquí sen deixar de ser de alá; e de ser de alá sen deixar de ser de aquí”, afirma.

Salienta que Frei Rosendo é sinónimo “de loita, de entrega, de sacrificio, de tolerancia e de comprensión”, logrando coa palabra o que outros nunca lograron coa forza.

  • O presidente da Xunta clausurou o simposio internacional “Da civilización á cultura. Rosendo Salvado e o mundo aborixe”, organizado polo Consello da Cultura Galega. Foto: Conchi Paz
    O presidente da Xunta clausurou o simposio internacional “Da civilización á cultura. Rosendo Salvado e o mundo aborixe”, organizado polo Consello da Cultura Galega. Foto: Conchi Paz

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2014.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao paralelismo existente entre a figura de Frei Rosendo Salvado e a emigración galega, dada a capacidade de ambos para combinar identidades e lograr o enraizamento nos países de acollida. “En cada un dos nosos emigrantes hai unha personalidade semellante á de quen levou a nosa cultura ás antípodas e soubo recoller alí a cultura autóctona”, sinalou o mandatario autonómico durante o acto de clausura do simposio Da civilización á cultura. Rosendo Salvado e o mundo aborixe, organizado polo Consello da Cultura Galega con motivo do segundo centenario do seu nacemento.

Na súa intervención, o titular da Xunta incidiu en que as galegas e os galegos teñen a característica “primordial de non estar nun sitio, senón de ser dese sitio”. “O galego identifícase co pobo que o acolle, faise un máis, imprégnase da súa idiosincrasia, como fixo Frei Rosendo cos aborixes”, producíndose un proceso de “ensino e aprendizaxe” e “de intercambio” do que sae, dixo, “unha cultura nova felizmente mestiza”.

“Podemos afirmar, de xeito análogo, que a emigración galega conseguirá sempre un enraizamento nos países da diáspora que poucas acadaron”, subliñou Feijóo, destacando que os galegos e as galegas exhiben “unha capacidade asombrosa para combinar identidades” e para “ser de aquí sen deixar de ser de alá; e ser de alá sen deixar de ser de aquí”.

Sinónimo de loita, de entrega, de sacrificio, de tolerancia e de comprensión
Feijóo cualificou a Frei Rosendo Salvado como “un adiantado desa globalización que aínda está por vir”, unha globalización económica que, afirmou, estará incompleta mentres non haxa outra de valores compartidos.

Frei Rosendo -relixioso, literato, músico, pedagogo e biólogo-, “devólvenos a idea do humanista” xa que case nada escapaba ao seu anhelo de saber, explicou Feijóo argumentando que cada manifestación da civilización indíxena era estudada, cultivada e admirada por el pero, a pesar diso, os aborixes non vían en Frei Rosendo un intruso sospeitoso, senón alguén que teimaba en compartir.

“Ese foi o seu gran proxecto de vida”, asegurou o presidente da Xunta, lembrando que Frei Rosendo defendeu o seu proxecto, tanto en lugares inhóspitos como nas antesalas do poder civil e eclesiástico, onde non sempre eran entendidas as súas preocupacións: “cando tivo que ser político en defensa dos seus, foino; cando tivo que vestirse de mendigo para conmover aos seus interlocutores, non dubidou en facelo”, aseverou.

O presidente da Xunta finalizou a súa intervención subliñando que Frei Rosendo trouxo a Galicia “o orgullo de saber que un compatriota noso, armado coa arma favorita dos galegos que é a palabra, se converteu nun mito en terras moi afastadas”. “Tanto aquí como alá, Frei Rosendo é sinónimo de loita, de entrega, de sacrificio, de tolerancia e comprensión; logrou o que outros nunca lograron coa forza. O seu inmenso poder baseouse en escoitar e falar. Creo que ese é o inmenso arsenal que seguimos tendo os galegos”, concluíu.

800 lecturas