Feijóo avanza co ministro de Pesca que case a metade dos barcos que operan en augas arxentinas poidan construírse en estaleiros galegos

O titular da Xunta mantivo unha reunión co ministro de Agricultura, Ganadería y Pesca do Goberno arxentino, Luis Miguel Etchevehere, e posteriormente visitou o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol.

Destaca ademais o acordo de rebaixa do 14% ao 7% dos aranceis para a construción de barcos de máis de 30 metros que se fagan fóra de Arxentina.

Congratúlase de que a continuidade da pesca do lagostino estea garantida, cunha vocación de permanencia para os próximos 15 anos; e recorda que o resto das pesqueiras continuarán como ata o momento, xa que ata o 2024 están garantidas.

En relación ao interese de Arxentina de explorar as posibilidades de petróleo nas súas costas, valora o compromiso do ministro de que o sector pesqueiro forme parte da mesa de traballo, para garantir que se manteñan os intereses lexítimos dos caladoiros.

  • O titular da Xunta mantivo unha reunión co ministro de Agricultura, Ganadería y Pesca do Goberno arxentino, Luis Miguel Etchevehere
    O titular da Xunta mantivo unha reunión co ministro de Agricultura, Ganadería y Pesca do Goberno arxentino, Luis Miguel Etchevehere
  • O titular da Xunta mantivo unha reunión co ministro de Agricultura, Ganadería y Pesca do Goberno arxentino, Luis Miguel Etchevehere
    O titular da Xunta mantivo unha reunión co ministro de Agricultura, Ganadería y Pesca do Goberno arxentino, Luis Miguel Etchevehere
  • O presidente da Xunta tamén visitou en Bos Aires o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol
    O presidente da Xunta tamén visitou en Bos Aires o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (Arxentina), 19 de setembro de 2019.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou hoxe co ministro de Agricultura, Ganadería y Pesca do Goberno arxentino, Luis Miguel Etchevehere, numerosos asuntos de interese para a viabilidade das empresas galegas e para a pesca de Galicia, entre os que destacou o acordo para que case a metade dos barcos que operan en augas arxentinas poidan construírse en estaleiros galegos.

“No eido da renovación da frota, o ministro destacou que a previsión que teñen é a de construír barcos por un importe de 2.500 millóns de dólares, entendendo que a metade, aproximadamente, desa carteira de pedidos se poderán construír en estaleiros galegos”, dixo, confirmando ademais o acordo de rebaixa do 14% ao 7% dos aranceis para a construción de barcos de máis de 30 metros que se fagan fóra de Arxentina.

En segundo lugar, Feijóo congratulouse de que a continuidade da pesca do lagostino estea garantida, cunha vocación de permanencia para os próximos 15 anos. E recordou que o resto das pesqueiras continuarán como ata o momento, xa que ata o 2024 están garantidas.

O presidente da Xunta e o ministro de Pesca abordaron tamén, na xuntanza, o interese de Arxentina de explorar as posibilidades de petróleo nas súas costas, garantindo sempre o compromiso de escoitar ao sector pesqueiro.

Se ben, o ministro precisou que esas prospeccións posibles non afectarían aos bancos de lagostino, pota e pescada nos que están faenando as empresas galegas, Feijóo valorou o compromiso do ministro de que o sector pesqueiro forme parte da mesa de traballo, para garantir que se manteñan os intereses lexítimos dos caladoiros. “Unha mesa da que tamén formarán parte o Ministerio de Medio Ambiente, o Ministerio de Enerxía e o Ministerio de Pesca”, precisou.

Logo de confirmar que o subsecretario de Pesca, Juan Bosch, viaxará á Comunidade para asistir a Conxemar e á botadura do novo buque oceanográfico arxentino, construído nun estaleiro en Galicia, Feijóo rematou cualificando a reunión de “clarificadora, tranquilizante e sobre todo esperanzadora”.

“O Goberno arxentino sabe que o sector galego pesca, pero que tamén xera 5.000 postos de traballo no país; sabe que queremos renovar a frota, e os barcos de máis de 30 metros poderanse facer en estaleiros galegos, co que temos unha carteira de posibles pedidos importante”, aseverou, incidindo en que a xuntanza tamén serviu para disipar as dúbidas sobre as posibles prospeccións petrolíferas.

Visita ao Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol
O presidente da Xunta continuou a xornada visitando o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol, onde destacou o dobre orgullo que para Arxentina e Galicia supoñen as mozas e mozos que completan a súa formación neste centro, contribuíndo a engrandecer o legado dos dous pobos a ambos os dous lados do Atlántico.

Durante a visita, Feijóo expresou a honra de estar de novo neste centro e comprobar como, desde 2009 -ano no que foi invitado á entrega de diplomas da primeira promoción que remataba os estudos-, foi crecendo e chegando cada vez a máis mozas e mozos. Non en van, desde que o colexio comezou a funcionar no ano 1998, impulsado por Manuel Fraga, pasou das 52 alumnas e alumnos aos máis de 600 na actualidade.

O responsable do Executivo autonómico celebrou que este proxecto estea funcionando desde o punto de vista educativo e garantindo aos rapaces e rapazas unha formación bicultural -galega e arxentina-. Ao respecto, recordou que, ademais do currículo dun colexio arxentino convencional, o alumnado deste centro dispón das materias que lles permiten estar en contacto coa realidade e a cultura galega.

“Estamos a falar do primeiro centro educativo no que se imparten oficialmente materias curriculares galegas fóra de Galicia, podendo obter o título do CELGA 2”, explicou, subliñando que, desde 2003, o colexio conta cun departamento específico de Lingua e Literatura Galega, que reafirma aínda máis os valores da identidade galega entre os alumnos e alumnas, preservándose así as tradicións de Galicia e avanzando ao mesmo tempo cara a un pluralismo cultural.

O titular da Xunta rematou facendo un especial recoñecemento a todas e todos os que fixeron posible este proxecto: “Á Administración Fraga e a todos os equipos docentes e administrativos que pasaron por este centro”.

  • Audio | Declaracións do presidente da Xunta de Galicia sobre a súa reunión co ministro de Agricultura, Ganadería y Pesca do Goberno arxentino: picar aquí para descargar
En imaxes
276 lecturas