Feijóo remata a súa viaxe institucional á Arxentina reforzando os lazos de Galicia coa mocidade do exterior a través de novos vínculos como a formación

Asevera que esta viaxe serviu tamén para acreditar o bo concepto que o Goberno arxentino ten das empresas galegas, referíndose ao sector pesqueiro.

Destaca a visita ao país como unha oportunidade “para preparar o Xacobeo 2021 desde aquí para o resto do mundo americano”.

Valora especialmente os encontros mantidos coa colectividade galega nas localidades nas que estivo.

O presidente da Xunta pechou a súa estancia no país cun encontro coa colectividade galega en Mar del Plata e con Cristina Pato, que participou na Xª Xuntanza de Gaiteiros
O presidente da Xunta pechou a súa estancia no país cun encontro coa colectividade galega en Mar del Plata e con Cristina Pato, que participou na Xª Xuntanza de Gaiteiros
Listen to this page using ReadSpeaker
Mar del Plata (Arxentina), 22 de setembro de 2019.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rematou a súa viaxe institucional á Arxentina reforzando os lazos de Galicia cos mozos e mozas do exterior a través de novos vínculos como a formación.

“Estivemos en contacto coa xuventude, celebrando a 30 edición do Conecta con Galicia, na que xa levan participado máis de 9.000 mozos e, agora, queremos conectar aos mozos do exterior coa Comunidade a través dunha nova modalidade: a formación”, incidiu, referíndose ás 150 bolsas de excelencia mocidade exterior, para cursar un máster nas universidades galegas, e ás 100 bolsas para cursar estudos de FP de grao superior.

Nesta mesma liña, destacou a contribución a este obxectivo do Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol. Un centro que conta na actualidade con máis de 600 alumnas e alumnos, que dispoñen das materias que lles permiten estar en contacto coa realidade e a cultura galega, ademais do currículo dun colexio arxentino convencional.

No seu balance, Feijóo aseverou que esta viaxe serviu para acreditar o bo concepto que o Goberno arxentino ten das empresas galegas, así como o compromiso do sector pesqueiro galego co país, reflectido nos 5.000 postos de traballo que xera. “Visitamos empresas, barcos e tivemos ocasión de coñecer aos mariñeiros que están embarcados nos máis de 80 buques que faenan nestes caladoiros”, explicou, a modo de resumo.

Sobre este eido, destacou tamén a reunión co Ministro de Agricultura, Ganadería y Pesca e co subsecretario de Pesca, para abordar asuntos como a eliminación paulatina dos aranceis de exportación, unha vez que Arxentina firme o tratado entre a Unión Europea e Mercosur. “E coñecemos o interese do Goberno arxentino de renovar a flota pesqueira, o cal significa que as embarcacións de máis de 30 metros se poidan construír en estaleiros galegos, o que sería unha gran oportunidade”, dixo.

Así mesmo, valorou a ocasión, a través destas xuntanzas, de seguir traballando de cara ao futuro nunha relación frutífera e cordial entre o Goberno arxentino e as pesqueiras galegas.

No eido cultural, o titular da Xunta referiuse á visita ao país como unha oportunidade “para preparar o Xacobeo 2021 desde aquí para o resto do mundo americano”. E congratulouse de que Mar del Plata sexa estes días a capital cultural da Galicia exterior, coa mostra Rosalía de José Solla, no Museo de Arte Contemporáneo, coa exposición El Camino de Santiago. Una experiencia contemporánea de peregrinaciones, co Obradoiro de Sabores e coa celebración da Xª Xuntanza de Gaiteiros, coa presenza da gaiteira Cristina Pato, entre outras e outros.

Ademais da reunión co presidente do país e as xuntanzas institucionais coas autoridades das localidades que visitou, Feijóo referiuse tamén aos encontros que mantivo coa colectividade galega en Puerto Madryn, en Comodoro Rivadavia, en Bos Aires e en Mar del Plata.

Por último, recordou “a posta de largo” de Ospaña, coa inauguración en Bos Aires da sede da súa obra social. “Unha mutua que agrupa a máis de 70.000 españois e que é a garantía da sanidade cen por cen accesible e equitativa para todos os galegos, con independencia da súa idade. Esta é, sen dúbida a gran aportación á sanidade da emigración”, aseverou.

“En definitiva, unha viaxe económica intensa, cultural e pensando tamén na xente moza, porque ao final a materia pendente da Galicia exterior é facer o relevo entre pais e netos. Agora, tócalle a quenda aos netos e, ese relevo é fundamental para que siga existindo a colectividade galega e unha colectividade galega-arxentina”, concluíu.

199 lecturas