Feijóo traslada ao presidente Macri a preocupación dos máis de 176.000 galegos e galegas que viven na Arxentina e das empresas galegas que invisten e xeran emprego no país ante a inestabilidade actual

“Para Galicia este país é unha porta que sempre imos ter aberta e da que sempre estamos pendentes”, di, recordando que Arxentina é un destino moi consolidado na axenda internacional da nosa economía: tanto en investimento galego neste país, como en exportacións.

Ambos abordaron a importancia do apoio do Goberno arxentino “para que as empresas poidan seguir desenvolvendo o seu labor aquí con confianza, con expectativas de mellora e con capacidade para seguir xerando emprego e riqueza”.

Baixo o convencemento de que Arxentina volverá pronto á estabilidade, Feijóo confirma que Galicia está en comunicación permanente para explorar en cada momento as principais liñas de colaboración.

O titular da Xunta mantivo esta tarde unha xuntanza co presidente da Arxentina
O titular da Xunta mantivo esta tarde unha xuntanza co presidente da Arxentina
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires (Arxentina), 18 de setembro de 2019.

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao presidente Mauricio Macri a preocupación dos máis de 176.000 galegos e galegas que viven na Arxentina e das empresas galegas, que invisten e xeran emprego no país, ante a inestabilidade actual. Unhas empresas, subliñou, que necesitan estabilidade e garantías sobre as operacións de movemento de produtos da pesca, sobre todo no relacionado co necesario control da frota china e o normal desenvolvemento da loxística. 

“Non ocultei a preocupación pola situación actual da Arxentina, un país tan próximo a nós desde o punto de vista sentimental, social e económico, que vive horas baixas”, dixo. 

O responsable do Goberno galego aseverou que “para Galicia este país é unha porta que sempre imos ter aberta e da que sempre estamos pendentes”, recordando que a Arxentina é un destino moi consolidado na axenda internacional da nosa economía: tanto en investimento galego neste país, que creceu notablemente o ano pasado, como en exportacións, “ocupando o posto número 20 dos países aos que máis exportamos”.

Alberto Núñez Feijóo aproveitou o encontro para avaliar a situación do sector pesqueiro galego en Arxentina, trasladando ao presidente do país as principais necesidades das empresas galegas. “Falamos da importancia do apoio do Goberno arxentino para que as empresas poidan seguir desenvolvendo o seu labor aquí con confianza, con expectativas de mellora e con capacidade, en definitiva, para seguir xerando emprego e riqueza” 

Baixo o convencemento de que Arxentina volverá pronto á estabilidade, Feijóo afirmou que Galicia está en comunicación permanente para explorar en cada momento as principais liñas de colaboración; “e estaremos vixiantes ante a evolución dalgúns dos sectores nos que temos máis interese”, dixo. 

Ao respecto, recordou que no eido da agroindustria, este país latinoamericano non só é produtor e exportador de alimentos líder a nivel mundial, senón que ademais está apostando de forma importante pola innovación. E, en materia de biotecnoloxía, resaltou que Arxentina ten o maior número de empresas de biotecnoloxía per cápita de América Latina; ademais do peso importante que a industria discográfica, televisiva e cinematográfica ten na súa economía.

Así mesmo, a industria de repostos de automóbiles é o sector industrial arxentino de maior crecemento e, en materia de enerxías renovables, o país conta con numerosas vantaxes competitivas baseadas na abundancia de recursos naturais de alta calidade, recursos humanos cualificados e capacidade industrial.

No eido do turismo, Feijóo recordou que o pasado ano 2018 rexistráronse preto de 13.000 turistas procedentes de Arxentina, un 28% máis que en 2017. Un turismo que, ademais, creceu de forma moi notable no que ten que ver co Camiño de Santiago, pasándose de pouco máis de 700 peregrinas e peregrinos en 2011 a case 3.000 no pasado ano. 

  • Audio | Declaracións do presidente da Xunta de Galicia trala súa reunión co presidente da República Arxentina: picar aquí para descargar
710 lecturas