Feijóo afirma que Galicia volve anticiparse e convértese, hoxe, na primeira autonomía en aprobar o teito de gasto, que se situará nos 9.172 millóns de euros

Destaca que, hoxe, podemos aprobar o teito de gasto desde unha posición máis avanzada do resto das administracións públicas, “grazas a todas as medidas adoptadas durante estes dous últimos anos e medio”.

Di que o acordo condiciona, por primeira vez, unha nova forma de presupostar: “primeiro solicitar ao Parlamento autorización do teito de gasto que vincula ao Goberno e, unha vez que temos esa autorización, confeccionar o presuposto de acordo con esa autorización”.

Aposta por unhas contas públicas reais e realistas, que garantan a solvencia da comunidade, que cumpran os criterios de déficit público; que contribúan á mellora do país e que sexan útiles.

“Non vamos relaxar a diminución do gasto corrente; manteremos as prestacións dos servizos públicos esenciais; manteremos a solvencia da comunidade; manteremos os compromisos de Galicia co déficit público, e intentaremos manter, este ano, o investimento real e o investimento en capital”, afirma o presidente da Xunta.

Listen to this page using ReadSpeaker
10 de setembro de 2011.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, o pasado xoves, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta acaba de dar luz verde á aprobación do teito de gasto para o ano 2012, que de forma inmediata se remitirá á Cámara para a súa validación. “Hoxe, aprobamos a primeira lei de disciplina orzamentaria de todas as administracións públicas de España; anticipámonos ao resto das comunidades e nos anticipamos incluso á reforma da Constitución”, aseverou.

Deste xeito, o responsable do Goberno galego anunciou que “a capacidade máxima de gasto do ano 2012 será similar á do ano 2011 e o teito de gasto o fixaremos –dixo- en 9.172 millóns de euros”. Para Feijóo, os obxectivos seguen claros, “non imos relaxar a diminución do gasto corrente; manteremos as prestacións dos servizos públicos esenciais -sanidade, educación e servizos sociais-; manteremos a solvencia da comunidade, pagando a todos os provedores; manteremos os compromisos de Galicia co déficit público, e intentaremos manter, este ano, o investimento real e o investimento en capital”.

Feijóo subliñou que, hoxe, podemos aprobar o teito de gasto desde unha posición máis avanzada do resto das administracións públicas, “grazas a todas as medidas adoptadas durante estes dous últimos anos e medio”.

“Podo asegurar que levamos traballando desde o primeiro día para chegar a unha situación mellor no ano 2012 que a situación na que se atopa a inmensa maioría das comunidades. Galicia, grazas ás medidas adoptadas durante os últimos dous anos e medio e grazas á redución gradual dos orzamentos en 1.600 millóns de euros desde o ano 2009 ao ano 2011 -o que supón unha diminución do 15% do orzamento dispoñible-hoxe, Galicia propón unha capacidade de gasto público para o ano 2012 que mantén a contía do presuposto do ano 2011. Non haberá, a pesar do mantemento da contía, ningunha relaxación en seguir diminuíndo o gasto corrente si pretendemos manter as contías de investimento real e de capital”.

Segundo Feijóo, este é o obxectivo do presuposto xunto a dous obxectivos adicionais: seguir cumprindo o déficit público aprobado no Consello de Política Financeira e seguir pagando todas as facturas durante o ano 2012, mantendo a solvencia da CCAA. “Neste contexto de redución gradual dos orzamentos desde o ano 2009, hoxe podemos dicir que a capacidade de gasto da CCAA mantén a contención de 1.600 millóns de euros menos que no inicio da lexislatura, pero mantén a capacidade de non seguir rebaixando os orzamentos de investimentos reais e de capital”.

Unha nova forma de presupostar
Feijóo salientou que o acordo de hoxe condiciona, por primeira vez, unha nova forma de presupostar: “primeiro solicitar ao Parlamento autorización do teito de gasto que vincula ao Goberno e, unha vez que temos esa autorización, confeccionar o presuposto de acordo con esa autorización. Deste xeito, fixar o teito de gasto guiará os orzamentos da Comunidade para o ao 2012”.

Ademais de ser un acordo decisivo para o futuro da comunidade, afirmou que é decisivo para a contribución que se pode facer desde Galicia pola sostenibilidade das contas públicas do Estado, “xa que unhas contas públicas ben feitas supoñen un camiño axeitado cara a recuperación; mentres que unhas contas públicas non realistas ou mal feitas supoñen un lastre para a recuperación, deixar de herdanza aos gobernos que nos sucedan débedas por presupostar ingresos inexistentes, e supón, tamén, ralentizar a saída da crise económica”.

Unas contas públicas reais e realistas, útiles e que garanten a solvencia da comunidade
Para o presidente autonómico, a principal ferramenta dunha administración son as súas contas públicas, que, segundo explicou, deben cumprir catro requisitos. “Deben ser reais e realistas, non se pode facer artificios contables, nin artificios electorais; deben garantir a solvencia da comunidade, o que significa seguir pagando todas as facturas, todos os contratos e todos os compromisos durante o ano 2012 e, tamén, cumprir os criterios de déficit público no ano 2012; deben contribuír á mellora do país, e Galicia non incrementou o déficit público de España e os presupostos galegos están intentando cumprir os acordos do Goberno de España taxativamente; e teñen que ser útiles, por iso, nestes anos, intentamos blindar o gasto social, reducir dunha forma importantísima o gasto corrente, seguir pagando aos provedores e cumprir o déficit público”.

Feijóo asegurou que “ese é o camiño que vai seguir vixente no ano 2012 “e ese é o camiño que seguimos de forma ininterrompida. Fixémolo no ano 2009 -en canto chegamos ao Goberno modificamos os orzamentos que herdamos-; fixémolo durante varios e continuos plans de austeridade que adoptamos de forma continua e que seguiremos adoptando; e fixémolo, tamén, de forma gradual desde os orzamentos do 2009, do 2010 e do 2011. O presuposto non vai crecer no ano 2012 e vamos manter o criterio de rigor nas contas públicas, a manter o criterio do mantemento de plans continuados de austeridade, a manter o criterio de cumprimento estrito de déficit público, o criterio de seguir pagando en tempo e forma aos provedores e vamos intentar, este ano, non rebaixar o gasto en inversión nin o gasto en capital. Estas son as grandes liñas do teito do gasto que presentamos, hoxe, aos galegos e galegas e inmediatamente ao Parlamento galego”, reiterou.

Blindar o gasto social
Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, subliñou que, neste contexto, a intención das contas autonómicas seguirá sendo a de conter o gasto corrente co obxectivo de poder preservar as partidas sociais e estabilizar os investimentos como un instrumento más para encarar a saída da crise. “Á intención é seguir contendo o gasto corrente”, incidiu Currás, salientando que “nestes momentos de crise temos que loitar polos investimentos produtivos”. “Blindaremos o gasto social como sempre o fixemos e preservaremos os orzamentos dedicados a estes investimentos produtivos a parte financiada co orzamento”.

1024 lecturas