Un estudo recupera a obra e a vida de Ramón de Valenzuela e María Victoria Villaverde, dúas voces centrais do exilio galego

O Centro de Estudos Galegos da Universidad Complutense impulsou a realización do traballo sobre os dous escritores, que contou co apoio da Xunta.

O Secretario Xeral de Política Lingüística e o director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas presentaron hoxe a publicación na Casa de Galicia en Madrid.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Casa de Galicia en Madrid acolleu na tarde de onte a presentación pública dun estudo e antoloxía que recupera a obra e a vida de dúas voces centrais do exilio galego bonaerense: as dos escritores Ramón de Valenzuela e María Victoria Villaverde. O Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidad Complutense de Madrid promoveu a realización deste traballo, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos. Os responsables dos dous departamentos, Anxo Lorenzo e Francisco López, respectivamente, participaron na presentación do volume, onde tiveron ocasión de destacar a contribución deste traballo ao recoñecemento persoal e profesional do matrimonio Valenzuela-Villaverde.

Por unha banda, o Secretario Xeral asegurou que “esta nova publicación constitúe unha achega moi meritoria ao coñecemento erudito de dous escritores, de dous activistas culturais no exilio, aos que se lles ten prestado menos atención da debida”. “Ao mesmo tempo –engadiu– supón un acto de xustiza con dous cidadáns cuxa posición ética ante os problemas do seu tempo e do seu país nos obrigan a mirar cara a eles con admiración”. “Galicia enteira tiña pendente esta débeda, e por fin a satisfai”, dixo.

Anxo Lorenzo tamén tivo palabras de recoñecemento para o labor do Centro de Estudos Galegos da Universidad Complutense de Madrid, ao que lle atribuíu “froitos a todas luces valiosísimos como a revista de estudos galegos Madrygal, na que se lle dá acollida a canto traballo de mérito teña por obxecto a lingua, a literatura e a cultura galegas”.

Por outra banda, o Director Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos asegurou que o libro presentado hoxe amosa “a expresión dunha Galicia que deu extraordinarios intelectuais, magníficas obras e proxectos moi importantes desenvolvidos en distintos lugares do mundo”. Francisco López manifestou que desde o seu departamento “cremos no reencontro de todos os elementos que interviñeron na consolidación da identidade coa que nos expresamos actualmente” e situou o seu traballo en amosar “claramente a realidade na que Ramón de Valenzuela e Mariví Villaverde depositaban o seu talento xunto con Castelao, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Eduardo Blanco Amor”.

O Director Xeral gabou a figura das voces centrais do exilio galego bonaerense “como auténticos creadores no terreo literario, como motores intelectuais do noso pensamento ou como elementos destacados dunha estrutura na que se integran infinidade de nomes importantes”.

No acto tamén participaron a responsable do CEG da Universidad Complutense e directora da obra, Carmen Mejía; o director honorífico e a coordinadora do traballo, os profesores Xesús Alonso Montero e María Victoria Navas, respectivamente; o coordinador de Actividades da Casa de Galicia en Madrid, Ramó Jiménez; e o director xeral de Editorial Complutense, José Antonio Nieto. Ademais, tamén asistiu ao acto María Victoria Villaverde, a que se lle rendeu unha homenaxe pola súa traxectoria.

Dúas vidas e un exilio
A obra Dúas vidas e un exilio. Ramón de Valenzuela e María Victoria Villaverde está artellada a partir de oitos traballos nos que se inclúe documentación inédita –na súa maioría procedente do arquivo de María Victoria Villaverde– e fotografías familiares dos dous escritores que lles amosan ao lector os seus tempos do exilio.

María Victoria Navas é a biógrafa dos Valenzuela neste volume, onde relaciona vida e obra para completar e actualizar as traxectorias dos dous autores. Mentres, a tarefa xornalística abórdaa Ana Acuña, con artigos escritos por Ramón e María Victoria que verán a luz en España e en Arxentina.

Alonso Montero, director honorífico da obra
O profesor Alonso Montero, director honorífico da obra, facilitou o Informe de 1965, un texto inédito de Valenzuela que se inclúe na obra onde o autor redacta o contexto cultural e político en Galicia nese ano. Pola súa parte, María Asunción Canal e Begoña Regueiro analizan a obra de creación de Ramón de Valenzuela. A primeira realiza o seu estudo a partir da narrativa breve. A segunda analiza as súas novelas, achegando os aspectos máis relevantes do seu imaxinario e amosando a súa importancia como escritor.

Outro dos capítulos do libro aborda o estudo da novela de Mariví Villaverde, do que se encargan Ana Acuña e Carmen Mejía. Esta última tamén se encarga do epistolario da familia Valenzuela-Villaverde –onde xorden nomes como o de Eduardo Blanco Amor ou Francisco Lamas–, que supón un importante paso adiante na investigación sobre esta etapa do exilio galego bonaerense. Finalmente, tamén é Carmen Mejía a autora do capítulo que se centra na dramaturxia de Ramón de Valenzuela, que lle dá pé a ofrecer unha visión global do teatro galego en Bos Aires, así como a detallar o labor de María Victoria Villaverde como tradutora e como actriz.

A primeira novela en galego sobre a guerra civil
Ramón Gerardo Valenzuela Otero (Silleda, 1914 - Sanxenxo, 1980) foi coñecido literariamente como Ramón de Valenzuela. Da súa autoría será a primeira novela en galego baseada na guerra civil española, Non agardei por ninguén, que saíu do prelo en 1957 na colección Mestre Mateo da editorial Citania, fundada en Bos Aires por Luís Seoane. A segunda novela do escritor que incide nesta temática publícase en 1980 baixo o título Era tempo de apandar. Ademais, Ramón de Valenzuela tamén lle dará continuidade á narrativa breve en galego desde o exilio cun conxunto de relatos que se recollen na obra O naranxo (1966).

1166 lecturas