"Estou extremadamente orgulloso de ser galego"

"Adoro a independencia que respira Galicia e que desprenden os galegos", asegura Martin Sheen.

De pai galego e bautizado como Ramón Antonio Gerardo Estévez, Martin Sheen naceu en Ohio (Estados Unidos) en 1940.

Alcanzou a popularidade polo seu papel do capitán Willard na película Apocalypse Now (1979).

En televisión encarnou o presidente de Estados Unidos Josiah Bartlet no drama televisivo A á oeste da Casa Branca.

Este papel valeulle seis nominacións aos Premios Emmy e a obtención dun Globo de Ouro.

É pai do director e guionista Emilio Estévez, e do actor Charlie Sheen.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2011.

O veterano actor estadounidense Martin Sheen naceu en Ohio e, malia non falar galego nin español, está orgulloso de sentirse parte de Galicia, a terra onde naceu o seu pai hai máis dun século e o escenario da súa última película, un proxecto centrado no Camiño de Santiago.

"Estou extremadamente orgulloso de ser galego", asegurou o actor en Nova York durante unha entrevista con Efe, na que recoñeceu a súa "admiración total" cara a ese "carácter", marcado, ao seu xuízo, "pola independencia e a determinación á supervivencia pase o que pase en España ou no mundo".

Sheen, de 71 anos, está esta semana na cidade dos rañaceos para promover The Way, un filme que retrata a viaxe dun peregrino estadounidense pola icónica ruta do Camiño de Santiago, dirixida polo seu fillo Emilio Estévez, que se estreou onte en varios cines de Estados Unidos.

"Adoro a independencia que se respira en Galicia e que desprenden os galegos. Son españois, pero teñen un carácter moi independente e así era o meu pai", dixo o actor, cuxo nome real é Ramón Estévez, fillo dun emigrante galego chamado Francisco Estévez, que se instalou, como tantos outros, en Estados Unidos.

"Os galegos son algúns dos maiores exploradores do mundo e o meu pai foi un deles", sinalou o popular protagonista de películas como Apocalypse Now ou series de tanto éxito coma A á oeste da Casa Branca, quen agora ten "a honra" de presentar ao público estadounidense un fragmento da terra do seu pai con The Way.

Sheen recoñece que o filme é a súa "particular homenaxe" ao sangue español que corre polas súas veas e que puido celebrar en colaboración co maior dos seus fillos, o tamén actor, director e guionista Emilio Estévez.

"Eu coñecía o Camiño de Santiago e sabía que algún día o seguiría, aínda que nunca imaxinei que o xeito sería este", explicou o actor sobre a súa participación nun proxecto que permitiu á súa familia "pechar un círculo".

O artista visitou España por primeira vez en 1969, cos seus fillos Emilio e Ramón, cos cales estivo na casa do seu pai na parroquia de Parderrubias, no municipio pontevedrés de Salceda de Caselas, onde durmiron "na mesma cama" na que nacera o seu pai en 1898.

"A primeira mostra da miña herdanza española déillela aos meus fillos ao elixir os seus nomes: Emilio, Ramón e Carlos (Charlie Sheen). Todos teñen nomes españois e eu nunca me cambiei o meu oficialmente", indicou o actor, quen recoñece, non obstante, que as súas vástezas encontraron sempre o xeito de chegar ás súas raíces españolas sós.

Para Ramón foi a decisión de estudar en Madrid o que o fixo "namorarse do país do seu avó", mentres que Emilio tivo que esperar a concibir The Way para "decatarse como un galego máis de que vive".

"O meu fillo decatouse" de que, como moitos galegos, cultiva os seus propios alimentos e viñedos, ten galiñas e abellas, é un granxeiro orgánico. En Galicia sentiuse como na casa", explicou o actor, quen ademais ten un neto, Taylor, casado cunha española e vivindo na cidade de Burgos.

"A conexión con España completouse con eles. É marabilloso ver como todos celebran as súas raíces españolas", afirmou Sheen.

En The Way, estreada en España en novembro de 2010, Sheen ponse na pel dun oftalmólogo californiano que viaxa a Francia a recoller o cadáver do seu fillo, falecido cando empezaba a percorrer o Camiño de Santiago.

En lugar de regresar a Estados Unidos, o home decide concluír a camiñada iniciada polo seu fillo, co que inicia "un camiño interno e tamén real en busca de respostas", indicou o actor.

Sheen mostrouse "moi impresionado" pola recepción que de momento o público estadounidense, "particularmente os mozos", deu á película, que se puido ver xa nalgunhas sesións especiais e tamén benéficas en varias cidades do país. "Creo que o próximo ano van ver en España moitos peregrinos de Estados Unidos, así que a industria turística vai estar moi feliz," explicou o actor, quen recomendou a todo o mundo realizar "algunha peregrinación empezando no corazón ata deixar atrás todos os aspectos negativos que se leven dentro".

Martin Sheen, bautizado como Ramón Estévez, chegou ao cine cando os hispanos eran mal vistos en Hollywood, por iso adoptou o nome de Martin Sheen. Medio século despois, o actor e o seu fillo Emilio Estévez comprácense da súa orixe en The Way, filme que rende tributo a Galicia, a terra dos seus devanceiros.

 

Fonte: Faro de Vigo | Fotos: Faro de Vigo e www.google.com/hostednews

2251 lecturas