Emigración traslada ao persoal técnico das entidades as novas ordes de axudas sociais de carácter económico

Esta reunión permite formar ao persoal técnico das oficinas de información coas que contan as entidades colaboradoras en Venezuela, Brasil, Cuba, así como o persoal técnico das delegacións da Xunta en Arxentina e Uruguai de cara a que se poidan axilizar as solicitudes das persoas en grave risco social.

A Xunta destina este ano a estas liñas de axudas 2,8M€. 

Imaxe da xornada formativa telemática organizada pola SXE
Imaxe da xornada formativa telemática organizada pola SXE
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na última xornada formativa sobre as novas ordes de axudas sociais de carácter económico coas oficinas de atención social das entidades galegas do exterior coas que conta a Xunta de Galicia en Brasil, Cuba e Venezuela, co obxectivo de ter todo preparado para axilizar as solicitudes das persoas en grave risco social.

Na xornada de hoxe estivo tamén presente o persoal técnico das delegacións da Xunta en Arxentina e Uruguai. A dirección técnica da xornada estivo a cargo do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais, Antonio Casas Calviño.  

Rodríguez Miranda recordou que as novas ordes recentemente publicadas alcanzan os 2,8 millóns de euros. 

O secretario xeral da Emigración recordou que o obxectivo destas reunións “é facilitar información ás oficinas colaboradoras para que poidan axilizar as solicitudes das familias dos galegos residentes nestes países que teñen necesidades realmente urxentes de cara a axudarlles na súa situación”.

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

Para maior información, as e os interesados poden dirixirse a esta ligazón.

288 lecturas