Emigración recorda que o próximo martes 29 remata o prazo para solicitar as axudas económicas individuais para as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade

O Goberno galego destina este ano 2,75M€ para paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria das familias galegas que se atopan nunha situación especialmente precaria.

O prazo de presentación de solicitudes remata este vindeiro martes, 29 de marzo
O prazo de presentación de solicitudes remata este vindeiro martes, 29 de marzo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022.

A Secretaría Xeral da Emigración recorda que o próximo martes, día 29 de marzo, remata o prazo para solicitar a nova liña de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para  as familias galegas do exterior en situación de vulnerabilidade.

A partida deste ano chega novamente ata os 2.750.000 euros. O obxectivo é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de milleiros de familias galegas do exterior que se encontran nunha situación económica precaria, especialmente no actual contexto de pandemia. 

Trátase dunha axuda de pago único á que o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destina cada ano unha parte importante do seu orzamento.         

A convocatoria deste programa da Secretaría Xeral da Emigración realízase en réxime de concorrencia non competitiva e está dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas e determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

Para maior información, as e os interesados poden dirixirse a esta ligazón.

1107 lecturas