Emigración seguirá apoiando as actividades e proxectos da Casa Cultural de Galicia de Eibar, cuxo presidente visitou a Miranda
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho de Santiago ao presidente da Casa Cultural de Galicia “As Burgas” de Eibar, Juan José Flores, con quen departiu sobre a actualidade da diáspora galega nesta localidade guipuscoana, e no País Vasco en xeral.
Flores, quen accedeu ao cargo recentemente, fixo repaso á vida social e cultural da entidade nos últimos meses, e tamén presentou a Miranda algúns dos proxectos que ten en mente a directiva da entidade. O secretario xeral trasladou ao representante desta comunidade galega o seu compromiso e apoio na estabilización e mellora dos servizos que presta a entidade aos seus asociados e asociadas.
Como é habitual nos centros galegos en Euskadi, a Casa Cultural de Galicia de Eibar destaca polas súas actividades culturais e gastronómicas. A entidade participa activamente en numerosos actos de irmandamento coa comunidade local, así como con outros centros galegos no País Vasco. De feito, forma parte da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi e da Federación de Casas Rexionais en Guipúscoa.
A Casa Cultural de Galicia “As Burgas” de Eibar posúe un local social con sala de xuntas, biblioteca, e servizos de hostalaría.
Novas relacionadas