A Secretaría Xeral da Emigración incrementa preto dun 10% o orzamento das axudas individuais para galegas e galegos do exterior en situación de precariedade

O departamento autonómico destina 2,75 millóns de euros en 2020 para uns apoios que contribúen a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria das familias galegas do exterior con menos recursos. 

A especial situación de Venezuela leva o Goberno galego a incrementar o esforzo que está a realizar cos galegos e as galegas do país suramericano, cunha dotación específica que desta volta vai ser superior ao millón de euros.

O prazo de presentación de solicitudes para obter unha das axudas deste programa rematará o 5 de febreiro.

O prazo de solicitude abrirase este vindeiro luns, 23 de decembro, e pecharase o 5 de febreiro
O prazo de solicitude abrirase este vindeiro luns, 23 de decembro, e pecharase o 5 de febreiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2019.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria das axudas económicas individuais a galegas e galegos residentes no exterior para o ano 2019 que concede anualmente a Secretaría Xeral da Emigración. A partida deste ano incrementa preto dun 10% o seu orzamento, ata alcanzar os 2,75 millóns de euros. O obxectivo é paliar as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria de milleiros de familias galegas do exterior que se encontran nunha situación económica precaria.

O prazo para realizar a solicitude abrirase o 23 de decembro, e permanecerá en vigor ata o 5 de febreiro. Trátase dunha axuda de pago único á que o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destina cada ano unha parte importante do seu orzamento, e que por segundo exercicio consecutivo dedica un esforzo especial aos galegos e galegas de Venezuela por mor da complicada situación que atravesa o país. 

A vulnerabilidade que está a bater nesta colectividade leva ao Goberno galego a incrementar un 9% o apoio específico para suplir as súas necesidades máis básicas, o que se traduce nunha dotación que vai superar a cifra de 1.000.000 euros só para axudas económicas individuais. 

A convocatoria deste programa da Secretaría Xeral da Emigración realízase en réxime de concorrencia non competitiva e está dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas e determinados familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Sete tipos de axuda en función das necesidades 
O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos de necesidade estipulados en cada tipo de axuda.

A convocatoria abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas, por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante; as terceiras, por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas, por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas, por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas, para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas, para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.  

En imaxes
315 lecturas